Acórdase un plan especial de limpeza en Betanzos após detectarse un surto de grastroenterite

Casa do Concello de Betanzos (Foto: Miguel Branco)
Con carácter inmediato e de forma preventiva, acordouse aplicar un plan de limpeza e desinfección de todas as instalacións que inclúa unha "limpeza exhaustiva", así como a hipercloración da auga na localidade betanceira.

A Xunta e o Concello de Betanzos acordaron un plan de limpeza e intensificar as analíticas polo surto de gastroenterite rexistrado no municipio, segundo informou esta sexta feira o Sergas.

A directora xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade, Carmen Durán; a alcaldesa de Betanzos, María Barral; e representantes da Xefatura Territorial de Sanidade da Coruña; de Augas da Galiza; e da concesionaria Viaqua, co apoio de expertos, reuníronse en San Lázaro, Compostela.

Con carácter inmediato e de forma preventiva, acordouse aplicar un plan de limpeza e desinfección de todas as instalacións que inclúa unha "limpeza exhaustiva", así como a hipercloración da auga.

Tamén "intensificar os controis analíticos actuais, tanto na captación como na rede de distribución e estabelecer un plan analítico de seguimento".

No que se refire ás recomendacións sanitarias dirixidas a poboación xeral, mantéñense as restricións de uso xa estabelecidas, é dicir, non utilizar a auga nin para a inxesta (bebida ou preparación de alimentos), nin para o lavado de alimentos nin para a hixiene bucodental. Poderase empregar a auga para hixiene persoal (lavado de mans e duchas), así como para usos domésticos de limpeza.

Hixiene persoal

En contornas nas cales exista relación con persoas afectadas con gastroenterites, recoméndase, así mesmo, extremar e reforzar as medidas de hixiene persoal, especialmente o lavado de mans e a limpeza de superficies. As persoas con gastroenterites deberán absterse de manipular alimentos.

Por último, en función dos resultados analíticos que se obteñan ao longo destes días, avaliarase a posibilidade de adoptar medidas adicionais. A próxima semana realizarase unha nova reunión de seguimento para ver a evolución da situación.