Que acontece con quen recibiron unha dose da vacina AstraZeneca?

Dez doses do fármaco de AstraZeneca (Imaxe: Europa Press).

As mudanzas a respecto das restricións de idade para a inoculación da vacina de AstraZeneca nos últimos días acrecentan a incerteza e as dúbidas nas persoas menores de 60 anos que xa recibiran a primeira dose. Agora que o uso do fármaco do Reino Unido só se permitirá no caso de persoas de entre 60 e 69 anos, que acontece con quen están pendentes de completar a pauta?

Que acontece coas persoas menores de 60 anos que recibiron xa unha dose da vacina de AstraZeneca? Van recibir a segunda? A Comisión de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade reuniuse na quinta feira, mais non adoptou decisión ningunha ao respecto e aprazou a resolución á espera de que se vaia actualizando e ampliando a evidencia científica e das novas avaliacións da Axencia Europea do Medicamento (EMA).

O que si decidiu a citada comisión foi ampliar a vacinación co antídoto do Reino Unido até os 69 anos. O día anterior acordara suspender a administración do fármaco nas persoas menores de 60.

141.000 galegos e galegas inoculados

Até a data o número total de vacinas de AstraZeneca administradas na Galiza é de 140.903 doses. Unhas 100.000 inoculáronse en persoas menores de 60 anos, na súa meirande parte as consideradas traballadoras e traballadores esenciais, como docentes, membros das forzas e corpos de seguridade e bombeiros e outros colectivos como o dos psicólogos. Segundo a Consellaría de Sanidade a pauta completa deste fármaco só a teñen 21 persoas.

O galego Federico Martinón é membro do Comité Asesor de Vacinas da Organización Mundial da Saúde e é o xefe de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela. Explica que “de momento non sabemos oficialmente que vai acontecer” no Estado español, mais indica catro opcións.

Martinón pon de manifesto que unha das opcións é completar a administración coa mesma vacina AstraZeneca cando corresponda, “aínda que non se identificase, cando se produce un efecto adverso tan raro cun fármaco, en xeral hai algún factor predispoñente específico nesa persoa, así que se non houbo problemas coa primeira dose é moi improbábel que o teñas coa segunda dose. Se realmente tiveses esa maior predisposición xa se tería manifestado”.

Outra das opcións consistiría en completar a administración “con outra vacina” das dispoñíbeis, “xa existen estudos en marcha para avaliar especificamente a seguridade e a capacidade de estimulación inmune destas pautas mixtas, aínda que eses datos non se publicaron”.

A terceira alternativa pasa por “comezar de cero con outra vacina, como se non se recibise a primeira dose”. Porén, advirte de que esta posibilidade “coa escaseza de vacinas que aínda hai é pouco probábel e é máis previsíbel que de optar por non terminar a pauta vacinal coa AstraZeneca se substitúa a segunda dose por outra das vacinas dispoñíbeis, asumindo que aínda que sexan de diferentes características, teñen en común o mesmo antíxeno, a proteína S, e por tanto debería funcionar”.

A outra opción é “non facer máis nada e asumir que cunha única dose da vacina esa persoa xa estea suficientemente protexida, de maneira semellante ao que sucede coa vacina tamén vectorial de Jansen”.

O membro do Comité Asesor de vacinas da OMS chama desde as súas redes sociais á tranquilidade “neste mar de confusión” e empraza a seguir o que diten “as autoridades sanitarias”.