Os accidentes laborais mataron en Galiza 424 traballadores nesta década

Simulacro de emerxencias

O número de persoas de gravidade en sinistros no traballo suman máis de 3.700 desde 2010.

En 2017 rexistráronse en Galiza máis de 27.000 accidentes laborais con baixa en xornada laboral. Unha cifra, digámolo así, contundente e que supón un incremento de 9,17% a respecto do ano anterior. Son dados do avanzo publicado polo Issga, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza, organismo autónomo mais adscrito organicamente á Consellería de Traballo.

 

Foron 27.286 os sinistros laborais durante o ano pasado que implicaron baixa en xornada laboral. A inmensa maioría deles, caracterizados como leves, 26.800. Mais tamén se rexistraron 437 de carácter grave. E 43 mortais. A maior parte deles no sector de servizos (16 falecidos) e construcción (13). Os sinistros con resultado fatal tiveron una baixada respecto ao ano anterior, cando foran 57. O índice de incidencia (número de accidentes por 100.000 traballadores) en sinistros mortais é en Galiza de 5,48. A media no Estado español é de 3,20, sensiblemente inferior.

 

No que vai de década (2010-2018) morreron en Galiza en accidentes laborais perto de 430 traballadores e máis de 3.700 sofreron feridas de carácter grave. Nese período, o exercicio con máis vítimas mortais fora o 2010 (64 persoas falecidas).

 

Continuamos a ter que falar dun problema grave perante o cal patronal e administración públicas continúan a ter responsabilidades. Así, o goberno español non acata os compromisos adquiridos ao ratificar a Carta social europea en 1980, en materias tan relevantes como a redución de accidentes de traballo. Denunciárao o sindicato CIG: o Estado español incumpre varios preceptos da Carta social europea segundo un relatorio elaborado polo Comité europeo de dereitos sociais, organismo independente, que fai parte do Consello de Europa. 
 

Entre as vulneracións da Carta Social Europea comprobadas polo Comité, destaca a insuficiencia de medidas para reducir o número de accidentes de traballo, que aumentou no período de referencia, nomeadamente nos sectores da agricultura e os servizos, salientando o aumento do número de vítimas mortais e non mortais. A partir do estudo de datos estatísticos e da comparación coa incidencia noutros estados membros da Unión Europea (UE), o Comité conclúe que a frecuencia dos accidentes é demasiado elevada como para considerar que o exercicio do dereito á seguridade e á hixiene no traballo (artigo 3.2 da Carta) está garantido no Estado español.