Un falecido tras saír da vía e arder o seu vehículo na AP-9 á altura de Ordes

Vehículos na AP-9, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
Os servizos sanitarios nada puideron facer por salvar a vida desta persoa cando chegaron ao lugar.

Un condutor faleceu tras saír da vía e arder o seu vehículo no quilómetro 41 da autoestrada AP-9, á altura da localidade de Ordes. O home viaxaba en dirección a Santiago de Compostela, segundo veñen de confirmar fontes da central de emerxencias do 112-Galiza.

Foron varios os particulares que alertaron os servizos do 112 pouco antes das 21.30 horas do sábado. A primeira persoa indicaba que o vehículo batera contra a mediana e acabara ardendo nunha zona de monte, fóra da autoestrada. Ademais, engadiu que dentro se atopaba un ocupante que non vira saír ao exterior.

Os efectivos sanitarios do 061 acudiron ao lugar do accidente, mais non puideron facer nada por salvar a vida do condutor. Tamén interviñeron no operativo o Corpo de Bombeiros de Ordes e o mais o de Betanzos.

A Garda Civil de Tráfico e a Policía Local de Ordes realizan nestes momentos servizos de mantemento na estrada após o incidente para que o tráfico retome a total normalidade na AP-9, informaron desde o 112.

Unha persoa ferida noutro accidente en Curtis

Por outra parte, unha persoa resultou ferida na noite do sábado tras chocar o seu coche contra outro estacionado á altura do quilómetro 14 da AC-230, no municipio de Curtis, e tivo que ser evacuada en ambulancia. Foi un particular implicado o que alertou ao fío das 22 horas. O GES de Curtis encargouse de retirar a persoa accionando unha das portas do vehículo e posteriormente trasladala en ambulancia a un centro hospitalario.

Saída de vía no Pereiro de Aguiar

E outras dúas persoas resultaron feridas nun sinistro rexistrado no quilómetro dous da OU-0507, en Prexigueiró (O Pereiro de Aguiar), uns minutos antes da medianoite, logo de que o vehículo envorcase tras saír da vía. Os ocupantes estaban no exterior, pero precisaron asistencia sanitaria.