Un accidente no corredor entre Brión e Noia deixa unha nova vítima mortal
Unha colisión entre dous camións que transportaban aluminio e un coche deixou unha persoa falecida -un home de 64 anos- e dúas feridas en Brión (comarca de Compostela) na mañá desta quinta feira. Segundo informa o 112 Galiza, sobre as 8.50 horas, un particular informou dun accidente con posíbeis persoas atrapadas.
O suceso aconteceu no quilómetro 12 da CG-1.5, a vía máis coñecida como o corredor entre Brión e Noia, na parroquia dos Ánxeles (Brión). A situación parecía grave desde o primeiro momento, pois polo menos unha das persoas implicadas permanecía inconsciente, e finalmente, unha delas perdeu a vida.
Segundo apuntan desde Radio Líder, no sinistro víronse implicados tres vehículos, dous camións que transportaban aluminio e un turismo no que viaxaban dúas persoas. Unha vez no lugar, os equipos de emerxencias sinalaron que había un total de tres persoas feridas e que ningunha delas estaba atrapada no interior dos vehículos, un dos cales acabou envorcado.
Dous das persoas feridas foron evacuadas en ambulancia e outro foi trasladada en helicóptero medicalizado ao Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS). Á espera de noticias sobre a evolución das outras dúas persoas, un home de 64 anos resultou finalmente falecido.
Pola súa parte, a Garda Civil de Tráfico confirmou que a circulación permaneceu cortada mentres se desenvolvían os traballos dos servizos de emerxencias. No operativo tamén participaron 061, Bombeiros de Santa Comba, GES de Brión, Policía Local e servizos de mantemento de estrada para restabelecer a circulación na vía.
Outro accidente mortal nun corredor moi criticado
O coñecido como o corredor entre Brión e Noia é unha infraestrutura moi criticada pola poboación de Compostela, Noia e Muros, principais comarcas usuarias desta vía. Múltiples accidentes, moitos deles mortais, tiveron lugar nesta estrada que está en tela de xuízo pola súa inseguridade, principalmente por tratarse dunha vía con moito tráfico na que non hai separación entre carrís, o que multiplica a posibilidade de invasións do sentido contrario e choques frontais.
Neste sentido, o Goberno galego leva máis de dous millóns de euros sen executar para a conversión desta infraestrutura en autovía, un actuación que xa fora anunciada en 2010 polo ex presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, momento no que afirmou que o comezo das obras de desdobramento tería lugar en 2012.
Os orzamentos da Xunta tiñan unha partida de 250.000 euros no ano 2018 para iniciar as obras de conversión da CG-1.5 en autovía. Esta non se executou, de igual forma que tampouco se fixo en partidas similares das contas de 2019, 2020, 2021 e 2022. Esta cantidade aumentou a un millón de euros nas contas de 2023 e 2024, tamén sen executar.
Licitación parcial
Finalmente, a Xunta sacou a licitación por 11,2 millóns de euros a execución das obras para desdobrar o corredor que une Noia con Brión o pasado mes de xullo. Con todo, o plan contempla converter tan só 4,9 quilómetros do vial de altas prestacións, polo que a autovía seguiría sen chegar a Noia, onde remata o actual corredor. Ademais, 15 anos despois do anuncio realizado por Feixoo, as obras aínda non comezaron.