59% da rede de estradas da Galiza está actualmente "en estado grave"
59% da rede de estradas da Galiza está "en estado grave", o que supón o segundo peor dato entre autonomías, só por detrás de Aragón (69%) e coa mesma taxa que Castela-A Mancha, segundo un estudo da Asociación Española da Estrada (AEC).
De tal forma, os quilómetros con deterioracións moi graves no pavimento da rede estatal son 34.000, perto do triplo dos 12.000 que había hai tres anos, segundo este estudo. Son, en concreto, 33.966 quilómetros que precisan reconstrución de carácter urxente, polo que se necesitan acometer actuacións nun prazo inferior a un ano.
Isto é debido a que rexistran alteracións moi serias, tanto estruturais (fochancas e pel de crocodilo) como superficiais (gretas lonxitudinais e transversais, e descarnaduras). Así mesmo, contabilizáronse outros 20.407 quilómetros máis nos que é necesario actuar nun prazo máximo de catro anos, identificándose neles danos cualificados como "graves".
A investigación da AEC conclúe, por tanto, que nun cuadrienio, como máximo, sería necesario intervir en máis da metade das estradas estatais (54.373 quilómetros dun total de 101.700), cuxos firmes se atopan na peor situación detectada desde finais da década dos 80 e principios dos 90, cando levou a cabo o último gran Plan Xeral de Estradas. Sendo esta situación grave a nivel estatal, máis o é na Galiza, coa segunda maior porcentaxe de estradas que están "en estado grave".
Desta maneira, a asociación calcula que a falta de atención á conservación das estradas estatais é de 13.491 millóns de euros, con base na suba experimentada polos prezos das materias primas, enerxía e persoal. Precisamente é neste apartado da investigación onde figura que Aragón, Galiza e Castela-A Mancha son as tres autonomías coas estradas peor conservadas.
38 puntos negros
En paralelo, as estradas convencionais e as autoestradas da Galiza aglutinan un total de 38 "puntos negros" para o tráfico rodado nos que están considerados algúns dos quilómetros "máis perigosos" a nivel estatal, segundo o informe presentado en abril por Automobilistas Europeos Asociados (AEA) cos últimos datos dispoñíbeis de perigosidade e sinistralidade do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel, computados entre os anos 2018 e 2022.
