Acceder á vivenda e ao ensino, principais obstáculos para as persoas migrantes

Decenas de persoas percorreron nesta quinta feira as rúas da capital galega reivindicando os dereitos das e dos migrantes (Foto: Arxina).
O Foro Galego de Inmigración fechou nesta quinta feira a súa campaña de sensibilización 'Normalizar os dereitos', cunha ruada pola capital.

O Foro Galego de Inmigración fechou hoxe a súa campaña de sensibilización "Normalizar os dereitos" cunha ruada por Compostela que principiou na praza do Toural. Ao ritmo dunha sonora cazolada, decenas de persoas denunciaron a "discriminación" que padecen as e os migrantes na Galiza. "A crise sanitaria aumentou a precariedade a nivel xeral, mais as persoas en situación irregular son o último dos colectivos, o máis afectado", asegura, en conversa con Nós Diario, o portavoz do Foro, Miguel Fernández.

O obxectivo desta campaña era "amosar a realidade destas persoas e os dereitos que deben recuperar". Neste senso, Fernández salienta a "falta de acción" por parte do Goberno estatal, que, malia ter impulsado "cambios sociais positivos", deixou "fóra" as e os migrantes en situación irregular.

Trabas para a inclusión

"Seguimos a reclamar os seus dereitos políticos, porque é esencial que quen levan tempo residindo aquí poidan votar e optar a esa representación social", di, e lamenta que tamén fiquen excluídas de rendas de inserción "como o Ingreso Mínimo Vital ou a Risga".

Denuncia, así mesmo, os atrancos para acceder á vivenda: "Moitas veces, unicamente polo seu aspecto ou lugar de procedencia, pídenlles unha fianza maior ou mesmo lles denegan o alugueiro".

Fernández lembra o caso recente de dúas familias compostelás ás que se lles incoou un procedemento de expulsión do país, algo que, ao seu xuízo, evidencia que a "vella normalidade" non mudou para as persoas migrantes: "Familias que levan máis de tres anos aquí teñen dereito a regularizar a súa situación pola vía do arraigamento", sostén, en relación a unha cuestión que se podería ter abordado dunha forma "doada" durante o confinamento: "Non podía producirse o que denominan 'efecto chamada' debido ás restricións de mobilidade".

E cuestiona tamén a función do forte despregamento de efectivos policiais: "Se están nas rúas para evitar aglomeracións ou entradas e saídas nos concellos, non lles interesa se algunhas persoas están ou non en situación irregular".

Outro dos obstáculos que atopan as e os migrantes é a homologación dos seus estudos, un longo proceso, así como a negación do acceso ás escolas infantís e de idiomas. "Ademais, cando un rapaz ou rapaza estranxeira entra no instituto sobreentenden que debe comezar un curso por baixo do que lle correspondería, por consideraren que o seu nivel educativo é inferior", censura.