A Academia de Ciencias enxalza a pioneira da xenética médica

A pioneira da xenética médica Jimena Fernandez de la Vega. (Foto: Nós Diario)
A institución escolleu Jimena Fernández de la Vega para homenaxeala como "Científica do ano 2021" polo "seu carácter loitador", amosado desde que se converteu na primeira licenciada da Facultade de Medicina de Compostela xunto coa súa irmá Elisa.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recupera este Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia unha figura pouco coñecida na Galiza e no Estado español pero fundamental para entender a medicina tal e como é hoxe. A institución vén de rescatar o legado de Jimena Fernández de la Vega para homenaxeala como “Científica do ano 2021” coincidindo coa efeméride de mañá.

Á hora de escoller a esta científica, o colectivo tivo en conta o “seu carácter loitador” que, entenden, xa se amosou no feito de que Fernández de la Vega fora a primeira licenciada en Medicina en Compostela, onde acadou un premio extraordinario. O fito foi da man da súa irmá Elisa.

Desde o punto de vista da RAGC, a investigadora é recoñecida, entre outras cousas, porque acertou ao “incorporar a xenética no ámbito da saúde, sendo unha verdadeira pioneira da xenética médica en España”.

Mais Fernández non limitou os seus avances profesionais a ese campo senón que tamén traballou na hidroloxía. En consecuencia, o colectivo sostén que é preciso “dar a coñecer a súa figura como exemplo de muller científica en tempos nos que non era doado ser admitida e recoñecida”.

Foto: Santi Alvite

O acto central da homenaxe está previsto para outubro, co gallo do “Día da Ciencia na Galiza”, pero xa se preparan distintas actividades para informar sobre a súa traxectoria.

Malia que as irmás Jimena e Elisa eran naturais de Asturias, estudaron na Universidade de Compostela, sendo as primeiras mulleres licenciadas na institución académica. Ademais, a científica foi docente e xenetista na Galiza, se ben pasou tempo estudando no estranxeiro.

Segundo a RAGC, conseguiu unha das cincuenta bolsas de investigación para especializarse fóra de España e estivo en Alemaña e Austria, onde colaborou cos profesores Friedrich Kraus, Theodor Brugsh, Erwin Baur, Hermann Poll e Julius Baur.

Aproveitou esa estadía para estudar a herdanza mendeliana “con aplicación á clínica e traballos de xenética experimental sobre os problemas constitucionais e a súa relación coa herdanza (xenotipo). Cando regresou a Galiza, detectou o descoñecemento das bases da xenética desde o punto de vista da saúde polo que emprendeu unha labor de divulgación do tema.