Opinión

Pioneiras, mulleres coa cabeza erguida

"O grande home nace da masa e arrástrano as circunstancias, pero a masa das mulleres queda ó marxe da historia, e as circunstancias son para cada unha delas un obstáculo e non un trampolín"

Simone de Beauvoir

Por fortuna, a historia do noso País ofrécenos a posibilidade de coñecer un amplo abano de mulleres que abriron revolucionarios camiños de igualdade.

Son moitas as mulleres galegas -coñecidas e anónimas- que fixeron historia: María Balteira, soldadeira do medievo; María Casares, lenda do teatro e do cinema; Rosalía de Castro, bandeira das nosas letras; Syra Alonso coas súas crónicas da represión franquista na Galiza; Maruja Mallo coas súas pinturas surrealistas; Enriqueta Otero, mestra antifranquista; Exeria coas súas documentadas peregrinacións ou María Araujo "A Guerrilleira" loitando pola igualdade do salario feminino son algunhas das moitas mostras de extraordinarias mulleres galegas.

Neste sentido, cabe destacar que está inserido no ideario colectivo que Concepción Arenal asistiu vestida de home ás aulas para burlar o dominio do "saber masculino". Porén, é menos coñecido o papel de Elisa e Jimena Fernández de la Vega.

As xemelgas Fernández de la Vega foron as primeiras mulleres en acadar unha licenciatura na Universidade de Santiago de Compostela. En 1919, con 23 anos conclúen os seus estudos de medicina sendo as mellores notas da súa promoción, mais este camiño que remataba coa graduación non foi sinxelo e os muros a derrubar foron tantos, que no aniversario do seu nacemento é necesario recuperar e poñer en valor estas dúas figuras pioneiras do século XX.

As xemelgas Fernández de la Vega foron, en 1919, as primeiras mulleres en acadar unha licenciatura na Universidade de Santiago de Compostela

 

O 30 de maio de 1895, Elisa e Jimena Fernández de la Vega nacen en Vega de Ribadeo -hoxe Vegadeo- territorio asturiano no linde coa provincia de Lugo. Malia ter nacido xeograficamente en Asturias a súa vinculación profesional, emocional e familiar a Galiza queda demostrada: seu pai tiña nacido en Castroverde e os seus avós paternos eran da Fonsagrada e Castroverde.

A traxectoria académica das dúas irmáns sempre foi conxunta, chegaron á Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela no curso 1913-1914. Ao contrario que Concepción Arenal elas non precisaron disfrazarse pero igualmente tiveron que sufrir as discriminacións por parte do alumnado e do profesorado: a maioría dos días asistían ás aulas escoltadas por un compañeiro porque as increpaban, non lles permitían a entrada ás clases de anatomía, xa que o profesor entendía como pouco acaído que unha muller vise o corpo espido dun home ou mofosos comentarios do profesorado que as conduciron a non volver á facultade e examinarse por libre -cómpre salientar neste último caso que volven á Facultade despois das desculpas públicas do profesor en cuestión-.

Non lles permitían a entrada ás clases de anatomía, xa que o profesor entendía como pouco acaído que unha muller vise o corpo espido dun home

 

En todo caso, isto non foi suficiente para que o obxectivo e afán en prepararse academicamente en igualdade de condicións que os seus compañeiros minguase. Elas erguían a cabeza e seguían cara diante.

Finalizados os estudos de medicina, en 1920 trasládanse a Madrid onde realizan as súas respectivas teses doutorais. Rematadas estas, a vida das dúas xemelgas sepárase. Elisa trasládase a Sevilla e Zaragoza onde dá clases na Facultade, atende a consulta en casa, imparte conferencias antibelicistas, escribe e coida das/os fillas/os. En 1933 morre dunha neumonía.

É, coa morte da irmá, cando regresa Jimena que tiña emigrado como docente investigadora a Berlín, Xénova e Viena, dato máis que destacable ao producirse esta viaxe na primeira metade do século XX. A idea da emigración académica financiada con bolsas para unha muller era un feito case inédito e reservado á determinación e forza dun carácter marcado dende a infancia pola valentía

Volta para quedarse e faise cargo das súas sobriñas pois o seu cuñado e marido de Elisa, Gumersindo Sánchez Guisande, ten que exiliarse a Bos Aires por mor da Guerra Civil.

É, coa morte da irmá, cando regresa Jimena que tiña emigrado como docente investigadora a Berlín, Xénova e Viena

 

Sánchez Guisande, polifacético persoeiro e amigo íntimo de Castelo, foi un dos médicos que o atendeu durante a súa enfermidade, sendo o responsable do seu embalsamento e de realizar o panexírico final ao líder do Partido Galeguista por encargo do Goberno da República no exilio. Cómpre destacar o compromiso político de Sánchez Guisante exercendo distintas responsabilidades e sendo representante en varias ocasións do Goberno Galego no exilio.

O regreso de Jimena non fixo parar a súa actividade docente e investigadora. Traballou na cátedra de Gregorio Marañón e este chegou a escribir dela: "É galega, e con isto quere dicirse que é aguda, intelixente e pouco dada a levarse polos arrebatos imaxinativos". Despois de toda unha vida de loita e traballo duro, Jimena morre en Santiago de Compostela en 1984.

Á marxe do académico e científico, as irmáns Fernández de la Vega teñen durante toda a súa vida unha especial preocupación social que as leva a comprometerse en distintas causas xustas. Sirva como exemplo a fundación dun albergue para indixentes por parte de Elisa ou a voluntariosa función de Jimena como doutora durante a Guerra Civil.

Escribo hoxe estas liñas convencido que o futuro só o poderemos construír en base ao que fomos, que a historia serve precisamente para non enfermar de amnesia e que a posta en valor da nosa historia colectiva debe dar azos para camiñar nun tempo no que as conquistas sociais van sendo lapidadas a pasos axigantados.

Dicía antes que diante dos ofensivos comentarios e dos insultos desprezativos, elas erguían a cabeza e seguían cara diante, conscientes de que o futuro sempre está a fronte. Nós hoxe, depositarias e depositarios, tamén, desta rica historia, temos o deber social e moral de seguir abrindo camiños e loitando dende o feminismo para conquerir o obxectivo final, a igualdade real. Igualdade real sen paliativos.

Comentarios