O abuso a menores é, para críticos da Igrexa, resultado do exceso de poder

Sede da Arquidiocese de Santiago en Compostela (Foto: Arxina).
A Fiscalía galega remitiu á Fiscalía Xeral do Estado a información dun total de sete procedementos penais en tramitación sobre delitos de agresión ou abuso sexual a menores no seo de congregacións, colexios ou calquera outra institución relixiosa. Mentres hai un debate sobre a idoneidade dunha comisión a nivel estatal para investigar este tema, hai voces críticas desde a propia institución relixiosa que demandan máis contundencia e explican como se chegou a esta situación.  

Os casos de pederastia na contorna da Igrexa católica e as súas ordes relixiosas, algunhas cunha extensa rede de centros educativos, están a crear máis de un debate sobre o seu funcionamento e o seu futuro, mesmo dentro da propia institución. Agora mesmo, coa preparación dunha comisión de investigación de fondo, a Fiscalía Xeral do Estado conta co informe da Fiscalía da Galiza que contabiliza un total de sete procedementos penais en tramitación sobre delitos de agresión ou abuso sexual a menores no seo de congregacións, colexios ou calquera outra institución relixiosa. 

Voces críticas na Galiza dentro da propia Igrexa

O pasado 2 de febreiro era Luís Rodríguez, o cura de Xestoso (Monfero) e Momán (Xermade) quen se ratificaba en cualificar de "terrorista" a cúpula dos bispos españois por desentenderse dos casos de pederastia ou mesmo "permitilos". Criticaba a falta de resposta "da xerarquía eclesiástica" e lembraba que el mesmo xa falara deste tema "en 2013 e en 2018". Rodríguez censuraba tamén "o silencio dos bispos" que, entende, "eran cómplices e colaboradores".

Outro párroco, Rubén Aramburu da asociación Irimia, afonda no tema para explicar como se chegou á situación actual. En conversa con Nós Diario, opina que a proliferación da problemática dos abusos a menores na Igrexa católica explícase como unha consecuencia do "abuso de poder, igual que acontece noutros eidos como a familia ou o deporte". A concentración de casos que agora comezan a ver a luz tería unha relación directa co propio funcionamento da institución "que serviu de refuxio a determinadas persoas nunha sociedade moi homófoba como foi a española durante décadas".

Ademais, engade "o erro do celibato, de impoñer a castidade á forza, algo que é antinatural". Por este motivo, segundo Aramburu, "a propia Igrexa crea o monstro" e bota en falta unha actuación "máis contundente" sobre este tema. "Están  fóra de lugar neste asunto, non souberon reaccionar a tempo", admite.

Porén, os últimos casos relacionados co mundo educativo nalgunhas ordes relixiosas na Galiza, como é o caso de Maristas en Vigo ou La Salle en Compostela, non dependen do bispado.  

Oficinas de atención da Arquidiocese de Santiago

A resposta da Arquidiocese de Santiago foi habilitar un Servizo pastoral interdiocesano de atención a menores, persoas vulnerábeis e as súas familias. Centralizado nunha páxina web conta cun correo electrónico e un teléfono móbil que atende o director deste departamento, José María García. Cada bispado, a maiores,  posúeun departamento propio para recibir as denuncias. Nós Diario contactou coa responsábel diocesana da Comisión Protexe do Bispado de Mondoñedo-Ferrol, Concepción Quintela, que explica o funcionamento deste servizo de recente creación.  

"Esta mesma semana temos reunión co bispo para preparar o protocolo de actuación", sinala Quintela, "de momento non temos ningunha denuncia", engade. Polo de agora, traballan "na sensibilización das actuacións para que non se interpreten mal o que facemos". Asegura que no momento de aparecer un caso informarían a Santiago "que contan con psicólogos e avogados". 

A creación recente destas "oficinas" para atender os casos de abusos a menores realizouse en tempo récord e o persoal tivo que adaptarse ao seu cometido recibindo información especializada. "No momento en que me comunicaron que sería a coordinadora o primeiro que fixen foi formarme", admite Quintela, "realicei un curso a distancia no Instituto Relixioso de Madrid a través da Universidade Pontificia de Roma", engade.