Xustiza

Absolto por falta de probas un home acusado de agresión sexual en Lugo

Sede da Audiencia Provincial de Lugo.
O tribunal considera que non quedou acreditado que as relacións sexuais que mantivo coa denunciante non fosen consentidas.

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo vén de absolver un home acusado de agredir sexualmente unha muller que formaba parte do grupo co que ceou e que inxeriu bebidas alcólicas entre o 16 e o 17 de maio de 2021, por non quedar acreditado, a ollos dos xuíces, que as relacións sexuais non fosen consentidas.

O tribunal considera probado que, contra a unha da madrugada, o grupo decidiu dirixirse á vivenda dun dos integrantes. Ao chegar ao domicilio, a denunciante, segundo consta na sentenza, comezou a sentirse indisposta, polo que, acompañada da súa curmá, tombouse sobre a cama dunha das habitacións do inmóbel. Alí acudiron varias veces a familiar e o procesado, dicíndolles a denunciante que a deixasen, que se atopaba mal, "chegando a vomitar na propia habitación".

Con todo, o tribunal sinala que no transcurso da madrugada dos feitos en cuestión, "cando menos en dúas ocasións", o procesado mantivo relacións sexuais con ela, "sen que quedase acreditado que as mesmas non fosen consentidas" pola denunciante.

Ademais, o auto apunta que é "difícil soster que existe unha situación de práctica incapacidade desde o momento da cea", e está "acreditado" que camiñaron até o domicilio, "un traxecto dun quilómetro", no que, segundo o tribunal, "necesariamente axudaría a que se despexase ese estado de somnolencia". A isto únese "que esa situación persistise, tras durmir, sete horas máis tarde".

"Estes datos non axudan a dar a credibilidade necesaria ao testemuño da vítima, e todo iso aínda partindo do feito incontrovertido de que, polo menos, atopouse sobre a unha da madrugada indisposta", relata.

A respecto desa indisposición, o tribunal sostén que iso "é contradito por todas as persoas que a acompañaron esa noite", que explican que, "a pesar de que se atopaba afectada pola bebida", acudiu andando ao domicilio e falando cos seus acompañantes.