Abre o Parador de Muxía na costa onde o turismo foi a solución ás ondas de fuel

Parador de Muxía, na Costa da Morte( Imaxe:Paradores).
Vinte anos tras o Prestige, estréase o 25 de xuño sen apenas prazas libres para os meses de xullo e agosto. Guadalupe Jiménez, antropóloga cordobesa, analizou como afectou o desastre á Costa da Morte nun capítulo da súa tese. "Outro Máis" foi a expresión que lle chamou a atención tras horas de entrevistas.

150 euros por unha noite con almorzo e acceso gratuíto ao spa. É a oferta de lanzamento co que a liña Paradores atraeu ás turistas a Muxía nun verán marcado pola emerxencia sanitaria. E conseguiuno, as reservas do Parador de Muxía, promesa política despois do Prestige, están case completas para xullo e agosto. Complétase así a materialización de vinte anos de promesas que buscaban calmar as augas da Costa da Morte, revoltas polo desastre ambiental do 19 de decembro de 2002. 

O Plan Galicia

"Traballaremos para que a Costa da Morte recupere o lugar que lle corresponde como destino turístico e borre das súas retinas as imaxes que empanaron toda unha vida de homes e mulleres”" Apenas dous meses transcorreran desde o accidente e o daquela presidente da Xunta da Galiza, Manuel Fraga, presentaba Feira Internacional de Turismo en Madrida proposta de recuperación da comarca.

En setembro de 2011 o ministro de Turismo socialista colocou a primeira pedra

O Plan Galicia, proposta do Goberno estatal cun José María Aznar en precampaña estatal, incluía a construción do parador. En setembro de 2011, o ministro de Turismo, o socialista Miguel Sebastián, colocou a primeira pedra do complexo. Seis anos despois o Goberno estatal licitou a construción da obra, cun importe de 27,2 millóns de euros, e en xuño de 2020 a promesa turística de Aznar e Fraga abrirá as súas portas.

A autovía da Costa da Morte, cuxo primeiro tramo foi inaugurado en 1997, tamén formaba parte daquel plan. Decorreron 13 anos de agarda até a inauguración da conexión entre Carballo e Baio, á que acudiu o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo. Posteriormente asistiría a un almorzo e un encontro con simpatizantes en Muxía. 

Outra máis

"Outra máis" é unha das expresións que chamaron a atención á antropóloga cordobesa Guadalupe Jiménez logo de revisar horas de transcricións e unhas 500 páxinas de diario de campo.  Jiménez chegou á Costa da Morte en 2012 a raíz da súa tese sobre as palilleiras de Camariñas.

"Había cuestións que non me cadraban sobre todo cando me falaban da economía local", explica Jiménez. "Uns levaron moitos cartos, outros poucos, hai xente que ten moito que calar", consta nalgunha anotación. Decidiu investigar máis a fondo e desta pescuda xurdiu un dos capítulos da súa tese, o dedicado á catástrofe do Prestige.

Ninguén falaba directamente do Prestige e, cando se facía, mencionábase como algo positivo, di a antropóloga Guadalupe Jiménez

Que pegada deixou o desastre? "Ninguén falaba directamente do Prestige e, cando se facía, mencionábase como algo positivo", expón a antropóloga. Coa segunda lectura a dimensión negra da marea emerxeu: "As mariscadoras dicían que foran as primeiras en ir á  praia parar o chapapote, mentres os pescadores quedaran parados até que chegaron voluntarios".

Logo do accidente, as mobilizacións sociais, arredor do "Nunca Máis", foron desacreditadas e Fraga, cuestionado pola súa xestión, revalidou cargo. A paisaxe da Costa da Morte acelerou a súa transformación. "Unha comarca marcada polo sector primario virou cara o terciario, sobre todo ao turismo", explica Jiménez. Un sector que este verán, por vez primeira, contará co Parador de Muxía para recibir ás visitantes. 

A pegada da catástrofe

Cando Guadalupe Jiménez analizou as marcas do Prestige na Costa da Morte o primeiro que atopou foi valoración da súa veciñanza polos cartos recibidos. "O beneficio para uns poucos termina ocultando os efectos negativos da catástrofe", explica ela. E respecto á COVID-19? "No longo prazo, penso que chegará a valorarse  a pandemia porque xeneralizou o teletraballo ou a educación a distancia", valora esta antropóloga.