O abracadabra da Xunta coas prazas docentes

Foto de arquivo dun exame de oposicións (Europa Press).
A Xunta anuncia unha "ampliación" da oferta de prazas para ensino para os dous vindeiros anos. A CIG advirte de que a Consellaría de Educación xoga coas cifras, parte delas xa anunciadas, para enganar o colectivo opositor e a cidadanía.

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, anunciou esta semana a nova Oferta Pública de Emprego (OPE) no ámbito docente para o ano 2021, para a que se prevén 1.500 prazas. Con elas, publicitaba a Xunta, "amplíase" a oferta até sumar "máis de 5.000 prazas xa comprometidas para os anos 2021 e 2022". Mais a conta, como sinalan desde a CIG-Ensino, sindicato maioritario no ámbito educativo galego, ten truco.

A explicación pode deducirse da propia comunicación da Consellaría, na que se indica a procedencia das cifras: delas, o montante principal –3.654– corresponde á OPE deste 2020, anunciada xa desde 2019, mais a pandemia impediu desenvolver a oposición, que atinxe 2.036 desas prazas (son as de oferta libre); o resto están dirixidas a promoción interna: 318 para cambio de corpo e 1.300 para acceso a cátedras.

Dado que a matrícula para esta convocatoria fechouse antes do verán e non se volverá abrir, aínda que o concurso non se levará a cabo até 2021, só as persoas que naquela data cumprisen xa os requisitos poderán presentarse á oposición, mentres que o resto, malia que hoxe teña as titulacións, deberá agardar, como mínimo, até 2022 para opositar.

A estas prazas o conselleiro suma outras 1.500, correspondentes á OPE anunciada para 2021, pero ás que non se poderá acceder até 2022, dado que o concurso que se realizará o ano que vén é o que tivo que adiarse neste, e que a oferta correspondente a 2020 e 2021 non se pode acumular para resolver en conxunto por unha cuestión legal.

"Pero non é que se amplíe a oferta, estas prazas non poden sumarse, porque corresponden a anos diferentes", apunta o secretario nacional de Ensino do sindicato nacionalista, Suso Bermello, quen tamén indica que das 1.500 previstas para a oferta de 2021 non todas serán para concurso, dado que como mínimo 25% delas deben destinarse, por lei, a promoción interna, o que deixaría a oferta "real" nunhas 1.125, "sempre que a Xunta non decida incrementar as de promoción interna, como fixo nestes anos pasados, reducindo as de oferta libre" e que na súa maior parte non se cobren.

Na súa comunicación, a Xunta avanzaba que será no primeiro trimestre do ano que vén cando se aprobe o decreto para a OPE de 2021, "que ofertará o número máximo de prazas que permita a normativa básica do Estado"–unhas 1.500, tendo en conta a taxa de reposición e a promoción interna–, o que a Consellaría de Educación cualifica como "unha grande oportunidade para a consolidación de cadros de persoal e para integrarse na carreira docente, con tres convocatorias en dous anos".

Neste caso, e seguindo as previsións da propia Xunta, non será até 2022 cando poderá ter lugar a oposición correspondente á oferta do ano que vén na que, desta vez si, poderían saír de forma conxunta as prazas correspondentes a 2021 –anunciadas a pasada cuarta feira polo conselleiro–e de 2022, cando se convoquen.

"A Xunta segue a xogar coas cifras de prazas nas oposicións para enganar o persoal opositor, nomeadamente o interino, e á sociedade", denuncia a CIG, que lembra como, nos primeiros meses da pandemia, a Consellaría de Educación adiou até finais de abril a decisión de suspender até o ano vindeiro as oposicións docentes que estaban fixadas para xuño, "mantendo unha tensión sobre un colectivo tan numeroso e operando con total 

Control estatal

Se unha cuestión é innegábel é que a Xunta ten restrinxida a oferta pública de emprego en educación de 2021 polas limitacións da lei orzamentaria, que fixa para 2021 un máximo de 110% da taxa de reposición.

"O Goberno español debería, dunha vez por todas, pór fin ao control que exerce sobre as comunidades autónomas coa limitación das taxas de reposición, que en educación non existira nunca até 2010, cando a marcou o Goberno Zapatero por imposición da Troika", demanda Bermello, que avoga por que cada territorio convoque en función das súas necesidades estruturais.

"Grazas a iso, Galiza ten a taxa máis baixa de interinidade do Estado", salienta, recordando que a etapa do bipartito na Xunta logrou reducir o índice de interinidades a 4,5%. "Desa cifra segue vivindo a día hoxe Feixoo, porque, malia terse duplicado, segue a ser a máis baixa, moi por debaixo da media", apunta.