Xinecólog@s revólvense contra Gallardón e defenden o dereito ao aborto por malformación do feto

Un manifesto asinado por máis de 600 profesionais vincula o retroceso nos dereitos das mulleres cun grave problema de saúde pública se a reforma da lei do aborto, que prepara o ministerio de Xustiza, vai adiante. A intención do goberno español de eliminar o suposto de malformación suporá máis unha pexa no acceso á interrupción voluntaria do embarazo

 

A intención do goberno español en aprobar unha lei do aborto que, no mellor dos casos, devolverá a 1985 as posibilidades das mulleres de decidir sobre os seus corpos, vén de provocar a reacción d@s profesionais da medicina.

Xinecólog@s, obstetras e expert@s en diagnóstico prenatal veñen de facer público un manifesto contra a modificiación da normativa actual, nomeadamente contra a intención do titular de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, de acabar co prazo de aborto libre: por encima das 14 semanas --en que as mulleres non teñen que xustificar a súa decisión-- até a semana 22 cando se detecte unha malformación no feto ou un risco grave para a saúde da nai. Pasado ese tempo, a interrupción voluntaria do embarazo realizarase conforme á lei aprobada en 2010 se ao feto se lle detecta unha anomalía grave, incurábel ou incompatíbel coa vida.

Porén, estes abortos non superan o 3% e son case sempre embarazos desexados, segundo se sinala no documento, que vai camiño das 700 sinaturas.

"A decisión de interromper o embarazo causa moito sufrimento. Se a lei non permite a interrupción da xestación nestes casos --anomalías fetais graves-- á dramática situación sumarase o desamparo legal que sufrirán as xestantes", sinala o texto, vinculando cun grave problema de saúde pública a perda de dereitos das mulleres e o retroceso social que veñen denunciando as organizacións feministas.

O informe da ONU sobre o aborto e a lectura do PP

O ministro de Xustiza, pola súa banda, escudouse nun texto de Nacións Unidas para por riba da mesa o endurecemento da lei recortando na sobernía das mulleres sobre os seus corpos, sinalando a respecto da lei de 2010 que "os discapacitados nacidos e por naceren non poden ser discriminados".

Dixo Gallardón que mudaría a norma "por convición", mais tamén porque a ONU "obriga a o facer". Con todo, o informe ao que se refire o ministro non só non "obriga", senón que o que sinala é que os prazos para abortar un feto san e outro con malformación deberían ser iguais.

Para dar cumprimento a esa recomendación existen dúas posíbeis opcións. Eliminar o suposto de malformación --como propón o ministro--, ou en troques ampliar os prazos dos outros dous supostos até os equiparar co contemplado para as anomalías graves. Esta segunda opción suporía que, atendendo a recomendación invocada por Gallardón, se podería mesmo descartar a limitación por supostos e optar por permitir legalmente o aborto libre e sen xustificacións até a semana 22.

Aliás, o informe da ONU en que o ministro Gallardón sustentou a súa decisión de aprobar unha norma máis restritiva que a de 1985 inclúe máis recomendacións para o goberno español que o PP tería pasado por alto. Entre elas, que destine "recursos suficientes para garantir os servizos de asistencia" a persoas dependentes e que os amplíe para dotar de "asistentes persoais" a quen conviva coa diversidade funcional. Pola contra, as axudas á Lei de dependencia fóronse coa 'austeridade', e o acceso de máis pacientes dependentes ficou paralizado.

Asegurar o aborto na sanidade pública ou forzar a clandestinidade

Por que é importante garantir unha interrupción voluntaria do emabrazo (IVE) libre, pública e gratuíta? "Porque as explicacións que se dan desde os colectivos anti-abortistas son pura demagoxia. A liberdade de elección non é un eufemismo aquí: trátase de que a muller decida sobre a súa maternidade. O aborto non é unha obriga".

Sonia Deaño —nome ficticio— traballa no servizo de xinecoloxía dun hospital público da Galiza. No pouco tempo que dura a entrevista, da súa boca sae moitas veces a palabra "demagoxia" cando se refire aos argumentos que desde os púlpitos se dan contra a IVE: equiparala cun asasinato, dicir que se usa como método anticonceptivo, dicir que quen recorre a ela está contra a vida ou crer que unha lei restritiva vai aminorar o número de abortos. "O que cómpre é acabar coa situación actual, de inseguridade xurídica, e onde o dereito se garante en función de se se pode pagar ou non unha clínica privada".

 "Cando unha muller ten decidido abortar vai buscar a maneira de o facer, si ou si", acrecenta, taxativa, Maite Méndez —nome tamén ficticio por expresa vontade da xinecóloga.

Coloca esta aseveración para botar embaixo a idea de que unha normativa restritiva lles quitaría da cabeza ás mulleres a decisión de interromper o embarazo, decisión que, tal e como reitera Méndez, "é sempre moi meditada". Ao contrario, o número de abortos rebaixarase unicamente "con información e con educación".

Outra das denuncias é que o PP fixo abanear a condición de 'pública' da propia sanidade. Ampárase nesta premisa Maite Méndez para afirmar que "hai moitas prestacións en que investir antes de garantir o aborto dentro da seguridade social". A doutora prefire non responder ao lle preguntar canto custaría interromper o embarazo na súa clínica privada. Porén, recoñece que "a miña experiencia di que se a muller non ten acceso a un aborto con garantías, recorrería á clandestinidade".

Os abortos na pública non chegan ao 3%

Sonia Deaño, xinecóloga nun centro público, é de opinión distinta. "Cómpre a súa normalización na rede sanitaria pública porque é a única maneira de garantir a súa universalidade e a igualdade de acceso para todas as mulleres". Hoxe en día, a interrupción voluntaria do embarazo é unha prestación privatizada. Os datos sinalan que o número de abortos que se practican en hospitais públicos non chega ao 3%, e o resto financiaríanse a través de concertos con clínicas privadas.

Considerar este dereito como máis unha prestación sanitaria exixe que a obxección de conciencia non se contemple na sanidade pública. É esta unha das maiores eivas para a normalización do aborto, tomando en conta que "o mesmo profesional pode obxectar no centro público en horario de mañá e practicar abortos ao serán, na súa clínica privada".

A doutora Méndez recolle a crítica lanzada pola doutora Deaño, mais non a comparte. "Por suposto que o aborto libre ten que estar garantido, na liña en que calquera muller que decida abortar teña a posibilidade de o facer. Mais eu non me meto coa obxección de conciencia. Cada persoa é libre".

Á pregunta de que opción que lle queda a unha muller que non pode pagar unha intervención nunha clínica privada se o aborto público non está garantido, a resposta é clara: "a clandestinidade".