Ampliado o prazo para participar no certame literario 'Un verán con Castelao': así podes inscribirte
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e Sermos Galiza S.A., empresa editora de Nós Diario, poñen en marcha o certame de narrativa 'Un verán con Castelao'. Trátase dunha iniciativa que ten entre os seus fins "divulgar o pensamento e a obra de Castelao entre o alumnado galego", afirma María Obelleiro, a directora editorial de Sermos Galiza S.A., así como impulsar e recoñecer o talento creativo na contorna escolar, fomentar a creación literaria en lingua galega.
No certame pode participar o alumnado de centros de ensino secundario (ESO, Bacharelato e FP) da Galiza sempre que o centro educativo no que estea matriculado sexa subscritor de Nós Diario. No caso de que o centro non o sexa, poderá facerse —por un ano— até o momento da inscrición nesta iniciativa. Desta forma, cada centro participante no certame literario recibirá, durante o próximo curso académico (de setembro de 2025 a xuño de 2026), ademais do exemplar que xa lle corresponde por subscrición, outros tres exemplares de agasallo.
A este respecto, engade, "tamén persegue estender o uso da lingua galega entre o alumnado, nun momento en que todos os datos oficiais alertan da situación de emerxencia que sofre o idioma propio como consecuencia do decreto do plurilingüismo que reduciu a presenza do galego nos centros de ensino".
Quen pode participar?
Pode participar o alumnado de centros de ensino secundario (ESO, Bacharelato e FP) da Galiza sempre que o centro educativo en que está matriculado estea subscrito a Nós Diario. Se o centro non for subscritor, poderá facerse -por un ano- até o momento da inscrición no certame. Cada centro participante recibirá, durante o próximo curso académico (de setembro de 2025 a xuño de 2026), amais do exemplar que lle corresponde por subscrición, tres exemplares de agasallo.
Inscrición
Para participar no certame é necesario inscribirse, enviando os datos requiridos ao correo electrónico: certame@nosdiario.gal. O período de inscrición é o comprendido entre o 21 e o 30 de abril de 2025 [ampliado o prazo até o venres 9 de maio, por mor do apagamento]. Cada inscrición deberá achegar obrigatoriamente os seguintes datos: Nome completo da persoa participante, data de nacemento, curso e colexio; Teléfono e correo electrónico de contacto. No caso de persoas menores de idade, autorización das familias ou titores legais para participar no concurso.
Características dos relatos
Os textos deberán ter unha extensión mínima de 5.500 caracteres e unha extensión máxima de 6.000 caracteres (espazos incluídos). Deberán estar escritos en lingua galega. A figura de Castelao ten que estar presente, ben como personaxe, tema, inspiración ou ben doutra maneira que a autora ou o autor considere.
Entrega dos relatos
O prazo de entrega dos textos comeza o día 1 de maio e finaliza o 31 de maio. Cada alumna ou alumno participante poderá presentar un único relato. Os relatos deberán enviarse nalgún dos formatos de texto máis habituais (Word, LibreOffice, OpenOffice, etc), amais de en PDF. O envío farase ao correo certame@nosdiario.gal A publicación dos relatos seleccionados realizarase durante os meses de xullo e agosto no xornal Nós Diario, cunha frecuencia de un relato por día, na edición en papel.
No envío, que se fará só por correo electrónico, deberá figurar a seguinte información: A) No asunto do correo electrónico especificarase "Para o Certame Un verán con Castelao". B) No corpo do correo figurarán os seguintes datos: Título da obra; Nome e apelidos do autor ou da autora; Ano e lugar de nacemento; Centro de ensino; Enderezo postal completo; Teléfono(s) e correo electrónico. C) Como anexos figurará o texto segundo os formatos indicados no punto 3 destas bases. Non se aceptarán envíos que inclúan debuxos, fotos, ligazóns externas ou calquera outro tipo de adorno alleo ao propio texto.
Relatos premiados
Un xurado designado pola AS-PG e por Sermos Galiza S.A. seleccionará os 45 relatos premiados. Os nomes das e dos membros do xurado faranse públicos ao mesmo tempo que a resolución do mesmo, publicándose na edición en papel de Nós Diario do día 24 de xuño. A decisión do xurado será inapelábel. A organización velará por que os textos se axusten ás normas do certame e resérvase o dereito de excluír aqueles que non se axusten ás bases ou que conteñan contidos inadecuados.