Educación

O Ministerio elimina a proba de madurez da nova Abau e dá máis tempo para resolver os exames

Alumnado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, nunha das probas da Abau de 2022. (Foto: Arxina)
O departamento de Pilar Alegría xa remitiu o proxecto de real decreto que regula a selectividade á Xunta da Galiza.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional elimina finalmente a proba de madurez que tiña prevista para a nova Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (Abau), e incrementa o tempo de realización dos exercicios, pasando de 90 minutos a 105 minutos, "tendo en conta a lectura do exercicio, a súa análise e elaboración".

Así o reflicte o proxecto de real decreto polo que se regulan as características básicas da proba de acceso á universidade e se estabelece o procedemento para o cálculo da cualificación de acceso, ao que tivo acceso Europa Press e que o Ministerio de Educación e FP remitiu esta cuarta feira ás comunidades autónomas.

Outra das modificacións recollidas no proxecto de real decreto é que as e os estudantes, no momento de matricularse na proba de acceso, optarán entre realizar a proba de Historia de España ou a de Historia da Filosofía. Aliás, nos territorios con outra lingua oficial, como é o caso da Galiza, engádese un exame da lingua propia.

Porén, a proba de madurez proposta inicialmente polo departamento que dirixe Pilar Alegría consistía nunha serie de documentos sobre unha mesma temática —actual, humanística, científica, etc.— relacionados coas materias obrigatorias.

Coa proba de madurez íase pedir ao alumno ou alumna que demostrase as competencias académicas adquiridas mediante a análise dos documentos "desde diferentes aspectos e perspectivas", para que non só demostre o seu coñecemento das materias, senón tamén as capacidades adquiridas.

As preguntas que se poderían formular neste caso ían ser abertas, semiconstruídas ou fechadas. Con esta modalidade, o Ministerio pretendía "avaliar a capacidade do alumnado para analizar, valorar, extraer información ou interrelacionar toda esa documentación, máis ou menos guiada a través de preguntas ou propostas".

Proposta inicial

Segundo a proposta anterior, a Abau constaría de tres exercicios de materia —Historia da Filosofía, Historia de España e materia obrigatoria da modalidade cursada polo alumno— e un exercicio de madurez do alumno.

Porén, a nova estrutura da proba suprime o exercicio de madurez do alumnado e estabelece que a proba de acceso constará de catro exercicios que versarán sobre as seguintes materias: Lingua Castelá e Literatura II; Historia de España ou Historia da Filosofía; Lingua Estranxeira II cursada polo alumno, e a materia específica obrigatoria de segundo de Bacharelato da modalidade, alén, na Galiza, de Lingua Galega e Literatura II se así o decreta a Consellaría.