Hassanna Aalia: "É un acto de persecución"

Hassanna Aalia

Anuncia que recorrerá a orde de expulsión e denuncia ter recibido un "tratamento degradante e vexatorio". BNG e Amaiur piden no Congreso asilo político para o activista. 

 

Hassanna Aalia anunciou esta cuarta feira que através do seu avogado presentará un recurso contra o procedemento sancionador iniciado que exixe a súa expulsión do Estado español. 

Após ser detido por "dous policías vestidos de paisano" no interior do comboio no que viaxaba desde Galiza con dirección Euskadi, Hassanna Aalia valorou o acontecido através da rede social Facebook e deu conta do "proceso sancionador" que lle foi incoado e mediante o cal Estranxeiría odena a súa expulsión. 

"Tendo en conta a miña situación, a detención non ten ningún sentido", sinala Aalia ao tempo que lembra a súa situación, á espera de que a Audiencia Nacional española resolva o recurso interposto contra a negativa do goberno español a lle recoñecer o dereito de asilo. "o Goberno español, que alardea de ser un país acolledor e fala dunha suposta acollida, cando aquí mesmo ten un caso real. Hipocrisía pura", denuncia. 

"Tendo en conta a miña situación, a detención non ten ningún sentido"

"É vergoñento o que me fixeron pasar, un tratamento denigrante e humillante" para alén, acrecenta, "de ser un acto vexatorio e de persecución". "Ninguén pode xustificar este acto contra a miña persoa e paréceme moi denunciábel", afirma. 

O avogado de Aalia dispón de 48 horas para recorrer a orde de expulsión ditada onte desde a Comisaría de Burgos embora existir unha medida cautelar decretada pola propia Audiencia Nacional que suspende a saída de Hassanna do Estado español. 

Asilo político

BNG e Amaiur reclamaron ao Goberno español que revoque a orde de expulsión e conceda asilo político para o activista sahariano. 

Neste senso, Rosana Pérez apelou á “responsabilidade histórica que ten o estado español en relación ao pobo saharaui. É momento de ser xeneroso e solidario co drama humanitario que sofre o pobo sirio, pero sen esquecernos do drama e das circunstancias penosas que viven outros moitos pobos omo o saharaui co que existe un deber histórico”, sinala a deputada do Bloque na proposición non de lei rexistrada no Congreso.