Ordenan a expulsión do activista sahariano Hassanna Aalia

Hassanna Aalia

Foi detido na estación de comboios de Burgos cando viaxaba de Galiza a Euskadi. 

 

Embora estar á espera de que se resolva o recurso xudicial presentado após denegarlle o goberno español a petición de asilo, o activista sahariano Hassanna Aalia foi detido esta terza feira (7 de outubro) na estación de comboios de Burgos. Así informaba a presidenta de Sogaps Galiza, Maite Isla, através das redes sociais logo de lle ser comunicada por vía telefónica a detención de Hassanna. 

O activista, que reside en Euskadi, foi posto en liberdade mais cunha orde de expulsión que debe ser executada en 15 días. "Estamos intranquilos", sinala Isla en conversa con Sermos Galiza, pois a policía de estranxeiría argüe que Aalia se atopa no Estado español nunha "situación ilegal". Condición que devén da denegación de asilo e dun recurso aínda por resolver. Na altura, a Audiencia Nacional española suspendeu de maneira cautelar a súa expulsión

Cumpre lembrar que Hassanna Aalia foi condenado a cadea perpetua por un tribunal militar marroquí no ano 2011 no marco do proceso iniciado contra activistas saharian@s que se atopaban no campamento de Gdeim Izik ou Campamento da liberdade. Un protesto a prol do dereito de autodeterminación do pobo sahariano. 

Con motivo dunha visita a Galiza, Sermos conversou con el sobre a súa situación e o conflito do Sáhara.