A Confederación de Sindicatos Médicos acusa o CHUS de "mentir" sobre a cea dos MIR contaxiados

A listaxe de normas que presuntamente enviou a xerencia do CHUS. (Foto: CESM)
A delegación galega da CESM sostén que a xerencia do centro hospitalario remitiu a listaxe de recomendacións após que tivera lugar a cea de 120 médicas e médicos residentes pola que, presuntamente, se produciron os positivos por Covid-19.
A delegación galega da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) vén de acusar á dirección do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) de "mentir" ao asegurar que as e os doutores residentes (MIR) que celebraron unha cea o pasado día 7 de decembro, supostamente relacionada cun brote con 18 casos de coronavirus, "contraviñeron" as directrices marcadas por Medicina Preventiva, porque as mesmas terían sido enviadas, presuntamente, "o 15 de decembro, oito días despois da reunión dos residentes".

A representación das e dos facultativos MIR manifestouse así nun comunicado no que inclúe o documento de pautas de seguridade da polémica.

"Os residentes cumpriron en todo momento os protocolos sanitarios estabelecidos, de maneira que a entrada ao recinto foi precedida da correspondente comprobación do certificado Covid-19 persoal, respectáronse as restricións de comensais por mesa e o aforo do estabelecemento, respectando así todas limitacións impostas á hostalería", subliña a Confederación.

Aliás, a entidade colectiva quere deixar claro o seu "apoio e respecto aos Médicos Internos Residentes" por, esgrime, "ser inxustamente acusados de irresponsábeis e temerarios ao acudir a unha reunión privada, onde as limitacións que tiñan eran as mesmas que calquera cidadán".

"Como calquera cidadán"

Engade que, en consecuencia, "como calquera cidadán gozaron do seu dereito de reunión".

A CESM vai máis aló ao sumarse á réplica dos MIR ao CHUS aludindo "ás malas condicións de traballo que padecen día a día".

Ao fío destas acusacións, incide no discurso das e dos afectados, que defenden que o contaxio podería ter sucedido nas propias instalacións hospitalarias porque as distintas dependencias "asignadas para cada servizo non siguen nin se aproximan ás recomendacións indicadas polas autoridades sanitarias".

Así mesmo, este sindicato denuncia que, en ocasións, "detectáronse positivos entre o persoal facultativo sen que se recomendase nunca illar aos profesionais que eran contactos estreitos dos devanditos positivos" e, engade, "sen realizar PCR aos afectados antes da súa incorporación ao traballo".

Como engadido, para a agrupación de sindicatos médicos, as recomendacións da xerencia "teñen un claro ton ofensivo". "E máis parece unha burla que unhas directrices serias e coherentes como corresponde á situación de pandemia que estamos a padecer", resume.

"Un disparate"

Neste contexto, o alcalde de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, destacou que "facer unha reunión de 120 persoas" non lle "parece axeitado" e que "hai cousas que son difíciles de entender".

Ademais, engadiu que "aínda encima, que eses 120 sexan médicos parece un disparate". Bugallo sostivo que cando se fai unha reunión desas características hai que "seguir todas as medidas de seguridade".