A xustiza sobresé a denuncia por unha protesta en Mos contra o proxecto urbanístico do Celta

Protesta das comunidades de augas e montes en Puxeiros (Mos), dous días despois das denuncias (A Auga é Vida)

O xulgado mixto número 2 do Porriño acaba de ditar o sobresemento das actuacións xudiciais iniciadas polos altercados que obrigaron a cancelar, en setembro do ano pasado, un acto do Concello de Mos para explicar á veciñanza os cambios urbanísticos iniciados para a execución da cidade deportiva do Celta e o complexo comercial asociado, un proxecto que levanta unha forte contestación veciñal.

Unha quincena de persoas, integrantes na plataforma A Auga e Vida e na formación política GañaMós, estaban investigadas após a denuncia da Policía Local e da alcaldesa, Nidia Arévalo,logo de que as protestas da veciñanza contraria á construción do complexo deportivo e de ocio, que ocupa parte de varios montes comunais, obrigaran a rexedora a suspender o acto, 

Tras esta resolución, a plataforma A Auga é Vida, que reúne a comunidade de montes de Tameiga e catro comunidades de augas do municipio, reclama que Arévalo "se desculpe publicamente e pida perdón por terlles imputado delitos inexistentes en múltiples e reiterdadas  declaracións públicas" a membros desta e doutras organizacións. A entidade considera que a rexedora "acusou case unha veitena de veciños e veciñas de Tameiga de desordes públicas e de alterar a paz utilizando o seu cargo de alcaldesa e de xefa da Policia Local". 

O ditame xudicial recoñece que na convocatoria houbo "empurróns", aglomeracións e "unha pequena avalancha" que causaron crises de ansiedade a varias persoas de avanzada idade presentes, mais sinala que ningunha das prexudicadas identificou a ninguén, malia que, na súa denuncia, a Policía Local si vinculaba as responsábeis con determinadas formacións cívicas e políticas.

Segundo resolve, "non concorren os elementos do tipo penal [...] nunha concentración debidamente convocada e realizada no contexto do lexítimo dereito de reunión, en relación cun conflito entre o Concello e veciñanza que se sitúa na orixe mesma das actuacións investigadas", xa que non hai probas de que os altercados fosen "intencionais"

Nun único caso, a xuíza relaciona unha persoa como suposta autora dos golpes que recibiu un veciños cun bastón na cabeza, unha agresión pola que acorda o axuizamento dos feitos como un delito leve.

"Se Nidia Arévalo quería con esta manobra intimidar, amedrentar ou ensuciar a reputación destes veciños e veciñas, non o conseguiú", censuran desde A Auga é Vida.