A Xunta non eleva o nivel de alerta polos pellets mentres as Confrarías advirten: "Haberá plástico durante anos na costa"

O presidente Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta do pasado 21 de decembro. (Foto: Arxina)
"Vai ser moi difícil erradicar os pellets porque temos unha costa moi agreste, con moitas entradas, e co tamaño que teñen estas bólas vai haber bólas por todos lados durante moito tempo", alertou o presidente da Federación de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero.

O presidente da Federación de Confrarías de Pescadores, Basilio Otero, chamou a atención esta segunda feira sobre o feito de que a vertedura de pellets de plástico que afecta desde hai días ás costas galegas permanecerá "meses ou anos pululando" polo litoral e que as barreiras de hidrocarburos poderían servir para "recoller as boliñas" antes de que estas "chegasen a terra".

Así o manifestou o tamén presidente da Federación de Confrarías de Pescadores de Lugo e patrón maior de Burela, que lamentou que "os ventos de noroeste" que azoutaron durante os últimos días o litoral galego "distribuíran a vertedura por toda pártea oeste da costa". Otero contrapón así o discurso oficial da Xunta da Galiza a través do titular da Consellaría do Mar, Alfonso Villares e do presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda que apostan por manter o nivel de alerta.

"Vai ser moi difícil erradicar os pellets porque temos unha costa moi agreste, con moitas entradas, e co tamaño que teñen estas bólas vai haber bólas por todos lados durante moito tempo", alertou, para acto seguido subliñar a necesidade de "levar a cabo algún tipo de actuación a nivel global" en materia de limpeza para, precisou, "quitarlle o medo á xente e ter unha costa limpa canto antes".

A presenza das pequenas bólas de plástico vertidas ao mar polo mercante Toconao comezou a rexistrarse en áreas da Mariña, en areais dos municipios de Foz e Burela, a finais da pasada semana, pero en opinión de Basilio Otero a vertedura contaminante podería combaterse moito antes.

"Se é certo que a vertedura leva tempo no mar, imaxínome que as barreiras de hidrocarburos tamén poderían servir para recoller estas boliñas. Non había que esperar a que chegasen a terra para despregar o continxente", reflexionou.

Novo 'Prestige'?

Otero, que manifestou, á mantenta da crise ambiental desatada na Galiza, que o país non se atopa ante "un novo Prestige" pero si ante "un novo aviso do importante que é respectar e conservar o medio ambiente", adiantou que abordarán o problema na reunión desta segunda feira co conselleiro do Mar, Alfonso Villares.

"É importante saber cal é exactamente a dimensión da vertedura, pero está claro que o maior prexudicado vai ser o propio medio ambiente", finalizou o presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.

Pola súa parte, o presidente das confrarías galegas, José Antonio Pérez Sieira, asegura que "de momento non hai gran cantidade", pero "o problema é que as bolsas non se detectan e rompen ao chocar coas pedras e sóltanse as bólas" polo que se dispersan os pellets de plástico.

Remarca que estes días trabállase na recollida de bolsas e plásticos, "pero de momento está controlado", aínda que na zona de Ribeira, onde é patrón maior, "chegou a varias praias". "En terra onde máis apareceron xa están a limpar e cribando", sinala Pérez Sieira.

O rastrexo destes microplásticos van desde as zonas máis ao sur do país, como Nigrán, até o norte, a municipios da Mariña. En diferentes puntos trabállase na recollida. O patrón maior de Noia, Santiago Cruz, explica que preparan unha batida de varios quilómetros por diferentes praias da zona para coñecer como está a situación en areais. Santiago Cruz explica que "no interior da ría había pouco, si na praia de Boa, pero había máis en Porto do Son hai 15 días".