A Xunta descoñece os hábitats naturais que protexe

Anthirrinum Linkianum
A resposta do goberno galego a unha denuncia de ADEGA contra o desbroce indiscriminado de espazos protexidos costeiros provoca indignación n,2s ecoloxistas.

As institucións que teñen que velar pola protección do noso ben natural máis valioso non semellan estar polo labor. Varias entidades ecoloxistas denunciaron nos últimos días intervencións sobre o litoral galego que afectan de xeito "grave" ao ecosistema. Desde o Parque Nacional das Illas Atlánticas até a Lagoa da Frouxeira, pasando pola Costa da Morte ou a Costa Ártabra as intervencións consisten en desbrozar espazos protexidos destruíndo hábitats prioritarios e especies en perigo de extinción. Unha destas entidades, ADEGA, recibiu resposta por parte da Consellaría de Medio Ambiente unha contestación por escrito na que xustificaba a súa politica neste eido. Fundaméntanse, segundo a Xunta, en razóns de "seguridade e salubridade" non demostradas para @s ecoloxistas, mais de existiren non serían unha xustificación para se saltaren as medidas de protección legal que teñen determinados compoñentes da biodiversidade (hábitats prioritarios, especies protexidas) dentro dun espazo natural. O que máis sorprendeu foi o descoñecemento sobre a contorna que, en teoría, tiñan que protexer.

"Como resposta ás nosas denuncias", explican desde ADEGA, "a Consellaría de Medio Ambiente informa da non existenza de hábitats de interese comunitario nas áreas rozadas, algo totalmente falso". Contrastando cos datos oficiais da propia Xunta de Galiza, no servidor cartográfico de información ambiental (SITEB) aparecen cartografados as áreas obxecto da denuncia distintos tipos de hábitats: 2130* Dunas costeiras fixas (prioritario) e outros de augas permanentes e medios higrófilos sobre os que as rozas se realizaron de forma reiterada (códigos 1150* -prioritario-, 1330 e 3130).

Non existen especies protexidas
No seu escrito, a Consellaría indica tamén a inexistencia de especies protexidas. Esta afirmación, para ADEGA, é de novo falsa. "No Atlas e Libro Vermello da Flora Vascular do Estado español inclúese unha información básica sobre unha especie endémica do NW Ibérico, Antirrhinun majus subsp linkanum, e recollida no Catálogo de Especies Ameazadas de Galiza (Decreto 88/2007) na categoría de "En perigo de extinción". Esta especie só vive en sistemas dunares e cantís vexetados, sendo as principais poboacións as da Frouxeira (Concello de Valdoviño) e Ponzos-Santa Camba (Ferrol).
Desde ADEGA engaden que o Plano Director da Rede Natura 2000, en proceso de aprobación, "contempla como actividades contrarias ao mantemento dun estado de conservación favorábel dos hábitats dunares as rozas mecánicas, indicando os seus efectos negativos sobre a conservación das especies de flora protexida".

ADEGA: "A Xunta e o Ministerio deberían seguir os procedementos estabelecidos nestas normas e non interviren con actuacións descontroladas e sen xustificación técnico-científica algunha"

Denuncia diante a UE
"Na súa demencial resposta a Consellaría de Medio Ambiente evidencia, alén de ignorancia e desleixo sobre o patrimonio polo que debe velar, un total descoñecemento da normativa de protección do patrimonio natural e da biodiversidade", aseguran desde a organización ecoloxista. A Xunta tería que xustificar con razóns imperiosas de interese público de primeira orde para actuar sobre os hábitats e especies prioritarias de acordo coa Lei 42/2007, á Directiva 92/43/CEE, e ao Decreto 88/2007). "Debería seguir os procedementos estabelecidos nestas normas e non interviren con actuacións descontroladas e sen xustificación técnico-científica algunha", apuntan desde ADEGA. Por este motivo @s ecoloxistas pensan denunciar agora estes feitos en organismos europeos e internacionais competentes (Comisión Europea, Parlamento e Secretariado de RAMSAR) "pola ignorancia e desleixo da Xunta e Ministerio na xestión destes nosos espazos protexidos".