O Parque Nacional das Illas Atlánticas celebra dez anos entre críticas das organizacións medioambientais

Desbroces nas Illas Cies
Verdegaia denuncia desbroces e masificación neste espazo único e singular formado polas illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada. Por este motivo solicita que deixe de ser Parque Nacional se continúan as prácticas destrutivas.

Galiza presume de ter as mellores praias do mundo. A de Rodas nas Illas Cíes é, daquela, unha das máis visitadas do noso país nestas datas. Esta situada no único Parque Nacional con que conta o noso territorio e o nivel de protección deste espazo natural é o máximo permitido pola lei estatal. Mais que lei temos no Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza (P.N.M.T.I.A.G.)? Segundo denunciou a asociación ecoloxista Verdegaia, despois de dez anos de funcionamento aínda non se aprobou un Plano Reitor de Uso e Xestión (P.R.U.X.) "incumprindo a súa propia lei de declaración", como apunta Nacho Jorganes Vicesecretario de Verdegaia. "É a ferramenta que temos para preservar os valores do propio parque, se non existe as actuacións que se realicen poden ser dañinas", asegura. 

O caso galego non é habitual. Por lei este documento debía ter sido elaborado no prazo dun ano e xa leva nove sen se aprobar polo que as actuacións no Parque Nacional están no limbo da alegalidade a partir da aprobación da Lei 15/2002 de 1 de xullo. "Puxéronse infraestruturas sen un estudo previo", asegura Nacho Jorganes que engade que "a practíca de rozas indiscriminadas e con maquinaria non é a ideal para estes traballos".

Verdegaia atopou niños destrozados despois de que pasara a maquinaria e unha alta mortandade en varias especies de vertebrados.

Contra o lume sen previsión
No Parque Nacional, nas súas zonas de Cíes e Ons, practicáronse desbroces a carón das pistas por mor da época de verán e o perigo de lumes. @s ecoloxistas pensan que os traballos que se realizaron non tiveron en conta as especies que alí habitan. Verdegaia atopou niños destrozados despois de que pasara a maquinaria e mortandade en varias especies de vertebrados. Os animais que máis perigo corren con estas prácticas son o azor e o lagarto arnal.
Todas estas practicas denunciáronse ás autoridades e Verdegaia exixiu a demisión do director do Parque Nacional "pola súa nefasta xestión", e tamén a do Presidente do Padroado. Unha declaracións do propio director nas que aseguraba antes de comezar os traballos que “os membros do retén terán un coidado exquisito para non danar os ovos das aves propias dos arquipélagos” foi outra das razóns que levaron a Verdegaia a protestar pola xestión do Parque.

Denuncia
A situación chegou a tal punto que Verdegaia solicitaou que as illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada deixen de ser Parque Nacional "se continúan as prácticas destrutivas de manexo que se veñen realizando nos últimos anos". Na mesma denuncia solicitaron a demisión do Director do Parque Nacional, "pola súa nefasta e neglixente xestión", e a demisión do Presidente do Padroado, polas "numerosas declaracións que ten feito á prensa en nome do Padroado, sobre temas nos que o Padroado no se ten pronunciado", como no caso destes desbroces.