A vella mina de Corcoesto duplicou os niveis de arsénico na auga sen ser a ceo aberto nin usar cianuro

Cara á futura balsa de cianuro [Imaxe: Maia]
Diante dun informe do Instituto de investigacións mariñas e da U-Vigo, a Sociedade Galega de Historia Natural exixe á Xunta que anule a declaración de impacto ambiental positiva que vén de emitir. De non paralizar o proxecto da canadense Edgewater, reclaman que se realice máis un estudo de danos no ambiente e na saúde prevendo "os peores accidentes posíbeis"


A Sociedade Galega de Historia Natural --SGHN-- vén de alertar dos efectos contaminantes da explotación mineira a ceo aberto que a empresa canadense Edgewater ten previsto explotar nos montes de Corcoesto e para a cal a Xunta ditou unha declaración de impacto ambiental favorábel.

Un informe do Instituto de investigacións mariñas e da Universidade de Vigo demostra que a antiga mina de ouro que había nesta mesma zona de Bergantiños fixo duplicar a cantidade de arsénico presente nas augas do río Anllóns, até chegar á metade do límite aceptábel para o consumo das persoas.

A SGHN fai especial fincapé en que a investigación fai referencia a unha explotación mineira a pequena escala e que nin empregaba o cianuro para separar o ouro das rochas nin era a ceo aberto, senón que a extracción se practicaba mediante un sistema de galerías soterradas. Ollando o plan que Edgewater presentou á Xunta, "as repercusións futuras poderían ser tan enormes como o propio proxecto mineiro", subliña o colectivo ecoloxista, lembrando as dimensións: 774 hectáreas de mina a ceo aberto e 100 mil toneladas anuais de estériles de mina tratados con cianuro, sosa cáustica e ácido clorhídrico.

Polo sinalado, o proxecto mineiro que afectará os concellos de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso "podería agravar a actual contaminación" no Anllóns "até niveis inaceptábeis para a saúde humana e a conservación do ecosistema", incluídos os lugares identificados como de interese comunitario --LIC-- e aqueloutros espazos de especial protección situación na contorna.

Un seguro para que Edgewater non lave as mans após destruír o monte
Á vista do devandito informe, a SGHN solicítalle á Xunta que anule a declaración de impacto ambiental positiva que vén de lle outorgar a Edgewater. Perante a previsíbel negativa do goberno de Núñez Feijóo para desbotar o proxecto, exixen tamén que se elabore un novo estudo que inclúa unha simulación dos efectos sanitarios, económicos e ecolóxicos "dos peores accidentes posíbeis", entre eles, que rachen as dúas balsas mineiras e se vertan ao Anllóns as toneladas de cianuro que a empresa canadense almacenará nelas.

Sinala a SGHN que esta simulación "é imprescindíbel" á vista de experiencias acontecidas noutros territorios do estado. Ao fío citan a rotura da balsa mineira de Aznalcollar, cun gasto que ascendeu aos 132 millóns e que afrontaron a Junta de Andalucía e a Confederación hidrográfica do Guadalquivir, pois a empresa adxudicataria, a sueca Boliden, non quixo pagar os danos. Reclaman tamén que Edgewater asine un seguro de responsabilidade civil cunha compañía radicada na UE e suxeita á lexislación europea para que se faga cargo da prevención e reparación dos danos medioambientais que a súa actividade puidese causar nos montes de Corcoesto.