Corcoesto: destruír 700 campos de fútbol a cambio de 20 postos de traballo

O río Anllóns ao seu paso por Cabana de Bergantiños (Plataforma pola defensa de Corcoesto)
A Plataforma contra a mina de ouro a ceo aberto que pretenden explotar en Cabana de Bergantiños presenta ante a Xunta 1.300 sinaturas para deter o proxecto, que afectaría tamén os concellos de Ponteceso e Coristanco

Emprego e un freo para a perda de poboación. É o estribillo do canto de serea que entoan a multinacional de capital canadense Edgewater-Río Narcea Gold-Mines e o propio Concello de Cabana de Bergantiños --PP-- na procura do consenso social para o proxecto de explotación dunha mina de ouro a ceo aberto que ocupará un total de 770 hectáreas.

"Non hai postos de traballo para nós, e todos os concellos da Galiza perden poboación. Cómpre facer 312 minas a ceo aberto para evitalo? Pasa a solución porque te explote unha empresa canadense?" Fernando Souto fala, moi rápido e moi indignado, no nome da Plataforma pola defensa de Corcoesto, que esta mesma cuarta presentou no rexistro da Xunta de Galiza 1.300 sinaturas en contra "dunha barbaridade" que afecta aos municipios de Cabana, Ponteceso e Coristanco.

''Non hai postos de traballo para nós''
A multinacional presentou o proxecto @s veciñ@s. Faloulles da creación de 271 postos de traballo, mais non informaron de que 133 deles serían subcontratacións e que, restando aqueles que serán ocupados por persoal da propia empresa, quedan para creación directa unha persoa para administración, cinco persoas para almacén e tres para postos de limpeza, a tenor da información que a Plataforma tirou do propio proxecto, en fase de exposición pública desde o 2 de maio.

"O argumento laboral é o máis convincente, mais non haberá máis de 20 empregos para xente da comarca", matiza Souto. Alén diso, Río Narcea Gold-Mines ten unha explotación "idéntica" en Tapia de Casariego --Asturias, que rematou nun proceso xudicial que leva sete anos e continua--, e alí a promesa de 500 empregos rebaixouse tamén a 271 "porque superan así o umbral máximo que recolle a Declaración de proxecto industrial estratéxico" para non ser considerada 'mediana empresa'.

Para alén desa condición, no mesmo texto indícase que a actividade non teña impacto no medio ambiente e que empregue tecnoloxía innovadora. "Van empregar cianuro". A cianuración do ouro é unha técnica de extracción mineira que a Unión Europea pediu prohibir nos países que fan parte dela despois da vertedura ao Tisza-Danubio, hai once anos, de máis de 100.000 m3 de auga contaminada con cianuro desde o embalse dunha mina de ouro. Foi a propia empresa a que convidou @s afectad@s a visitar a mina de Tapia para mostrar as bondades da extracción de ouro. "O que ensinaron foi o bocado de buraco que tapan... Oh! Un precioso manto verde! Si, mais sementado sobre un terreo sen compactar que tardará séculos en ver agromar ese bosque atlántico que din que van deixar".

Unha mina que nos anos 30 si que daba traballo
Fernando Souto pon todo da súa parte para que quede claro que os argumentos que esgrime a multinacional norteamericana "son un engano". O voceiro da Plataforma viaxa no tempo até os anos 30, cando cesou a actividade mineira en Corcoesto. "Daquela si que había emprego para @s de aquí". Con todo, cando a separación con mercurio deixou de ser rendíbel, Cabana deixou de buscar ouro para preservar o patrimonio natural, conscientes de que o cianuro era unha arma letal contra a rede hidrográfica e contra o río Anllóns.

"Mírase cara países afastados aos que denominados terceiromundistas porque non saben explotar as súas riquezas, cando en realidade están presos dunha corrupción política internacional que fai que agora onde se procuran beneficios co ouro é aquí, con man de obra barata. Non son máis que buscadores de ouro". De volta ao argumento da creación de emprego, Souto quéixase de que a empresa xogue co medo da xente "a perder o traballo ou a non telo nunca". Falan de que a actividade durará dúas décadas "e non serán máis de oito anos ao prezo da destrución irreversíbel do territorio".

20 empregos, 500 currículos
Aínda así, o argumento da multinacional canadense convence. Os currículos --que @s interesad@s deben enviar ao Concello-- superan xa o medio millar. "O alcalde debería sincerarse, dicir que só hai 20 postos de traballo". Alén diso, as explotacións gandeiras que hai nos concellos afectados pola minaría tamén se verán afectadas. Tras o proxecto en Asturias as cooperativas leiteiras deixaron de recoller, e as voaduras afectan ás vacas na medida en que, ao estar sometidas a estrés, deixan de producir leite. "Para ter unha cabeza de gando cómpre hectárea e media de terra. Se explotan esas terras temos que vender o gando".

A empresa ten tamén solución prevista ante as posibilidades derivadas das promesas que fiquen incumpridas, dos "atentados ambientais" e incluso dos accidentes laborais. Río Narcea Gold Mines posúe unha estrutura piramidal, a través de filiais de subcontratas --de onde sairán 133 dos 271 postos de emprego comprometidos--. Hai uns anos, outra firma, Edgewater, fixera probas para iniciar un proxecto destas características. Comparte coa adxudicataria final donos e integrantes dos consellos de administración, moit@s del@s polític@s de renome no Canadá.

"Chegan e instálanse en sitios onde houbo unha explotación de vello, pensando 'malo será', obviando que en Corcoesto hai 1,74 gramos por tonelada". Se o proxecto acada o cualificativo que procura, 'estratéxico', a empresa promotora ficaría exenta do cumplimento de moitas normativas a nivel urbanístico e medioambiental, con vía libre para proceder con expropiacións e deixando "indefens@s" @s afectad@s. Mais Souto ten moi claro que non merece tal consideración porque "non se sostén nin tecnicamente". Preténdese a destrución de máis de 700 campos de fútbol a cambio de 20 postos de traballo que teñen data de caducidade. "E despois, que?"