A Valedora insta a CRTVG a contratar empresas con "plans de igualdade" após o episodio machista do Land Rober

Imaxe dalgunhas das empregadas da corporación pública. (Foto: Defende a Galega)
A institución admitiu a trámite a protesta polo "incumprimento reiterado da lei de medios" por parte da corporación pública.

A plataforma de traballadoras e traballadores dos medios públicos galegos agrupados baixo a CRTVG, Defende a Galega, vén de facer público que a Valedora do Pobo respondeu a unha queixa que presentaron polo episodio machista que decorreu nun programa do Land Rober, en horas de máxima audiencia.

En concreto, a protesta aludía ao “tratamento da violencia machista” nun programa no que unha moza que asistía como público tivo que verse as caras coa súa ex parella.

No mes de abril, que foi cando se deu o suceso, o movemento feminista galego tamén censurara a situación pola “violencia á que someteu unha muller ao favorecer que se encontrase cun ex compañeiro baixo a premisa de facer triunfar o amor”.

Malia que a rapaza insistiu en todo momento en que non tiña previsto volver con el, forzouse a situación de forma prolongada até que a muller explicou como fora a relación.

Segundo explica agora Defende a Galega a través das súas redes sociais, a institución trasladou á CRTVG a recomendación de “contratar con empresas que teñan plans de igualdade”.

Mesmo lle suxeriu buscar distribuidoras de contido que dispoñan desas ferramentas “e/ou distintivos de excelencia na materia”.

En 15 días

Por outra parte, a plataforma amosou a súa satisfacción porque a Valedora do Pobo admitira a trámite a súa queixa “polo incumprimento reiterado da Lei de Medios”.

Despois de moitas reivindicacións nos 'Venres Negros' e de diversas denuncias polas condicións laborais, agora Defende a Galega acadou o que considera un éxito. A campaña para captar a atención da Valedora foi intensa, pois numerosas empregadas e empregados se prestaron a saír nas redes sociais poñendo cara ao malestar coa compañía.

Segundo destacan baixo cancelos como #SenMedoALoitar, despois destes anos de traballo a institución “dálle 15 días á CRTVG para que dea explicacións” por esa irregularidade.