A USC estuda sancionar @s estudantes que interromperon con protestas o último Consello de goberno

O reitor, Juan Casares Long, abriu un expediente informativo e non descarta nin a expulsión dest@s alumn@s nin recorrer á vía xudicial


A Universidade de Santiago de Compostela estuda impor unha sanción ás e aos estudantes que levaron as súas protestas ao último Consello de goberno da institución pública.

Após enviar un comunicado de imprensa rexeitando o comportamento d@s alumn@s sinalando que "as opinións maniféstanse no marco do diálogo e talante aberto que rexe en toda a institución" abriuse unha investigación interna para esclarecer o acontecido e non se descarta até a expulsión ou recorrer á vía xurídica e tomar "as decisións oportunas" se houber "indicios de delito".

Porén, para alén de reclamaren a demisión do reitor, Juan Casares Long, ao considerar que non emprendeu ningunha medida "real" en defensa da universidade pública, a mobilización estudantil exixía xustamente a convocatoria dunha asembleia en que fosen ouvidas todas as voces e un funcionamento "mellor e máis efectivo" dos órganos de representación do alumnado.