A primeira testemuña tamén cuestiona que se afastase o Prestige

Exteriores de Palexco onde se celebra o xuízo
José Pose Vaquero, primeira das testemuñas en participar no xuízo pola catástrofe do Prestige, asegura que a decisión das autoridades marítimas dificultou o traballo de salvamento. A segunda testemuña, o ex-capitán marítimo da Coruña, mantivo que a decisión das autoridades foi a correcta.

 

Comezaron a declarar hoxe as primeiras testemuñas citadas para o xuízo do Prestige que se desenvolve na Coruña desde o pasado 16 de outubro. Case dous meses despois pasaron polas instalacións de Expocoruña os únicos acusados: o capitán do Prestige, Apostolos Mangouras, o xefe de máquinas, Nikolaos Argyropoulos e o ex-director xeral da Mariña Mercante, José Luis López Sors. Despois dos seus interrogatorios toca agora escoitar as 133 testemuñas que se citaron comezando por José Pose Vaquero, xefe do Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra.

Hoxe declararon José Pose Vaquero e o ex-capitán marítimo da Coruña, Ángel del Real. O primeiro, xefe do Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra en 2002, valorou como negativo o afastamento da costa despois de que o petroleiro estaba estabilizado e contaba con remolque. Despois cuestionou a orde de que se seguise a afastar despois tal e como estaba o mar e as dificultades para salvamento. "Dificultaba o traballo". Asegurou que houbo posibilidades de salvalo "nun lugar refuxio" e confirmou que as autoridades tiñan por norma, daquela, afastar aos buques con problemas.

José Pose Vaquero defendeu o traballo dos remolcadores que participaron no rescate eses días, aínda que recoñeceu que ningún dos dous eran de salvamento. "Empregouse os que había e máis". Segundo a súa opinión non era necesaria a participación de máis xente nesas primeiras horas polo perigo de expoñer "a máis xente" tal e como estaba a situación.

Pose Vaquero cuestionou a orde de que se seguise a afastar o Prestige despois tal e como estaba o mar e as dificultades para salvamento

A decisión “correcta” do ex-capitán marítimo da Coruña

Ángel del Real, ex-capitán marítimo da Coruña, foi a segunda testemuña en declarar da xornada. A súa versión seguiu o camiño das declaracións de López Sors e insistiu en que a decisión de afastar o Prestige foi a “correcta”. Asegurou que non había outra saída para o petroleiro que ir lonxe da costa “polo risco de que rompese”. Desbotou calquera outra alternativa, como a de transvasar a carga. “Era imposíbel polo mal tempo”. Despois traspasou a responsabilidade á empresa de salvamento que tiña que intervir antes de afundir o petroleiro.

As seguintes testemuñas serán mañá Serafín Díaz, inspector marítimo do Porto da Coruña, e os tres controladores de centros zonais, capitáns e tripulacións dos remolcadores Ría de Vigo e Ibaizabal.