A presión social fai recuar a Gallardón e "modular á baixa" o 'taxazo' xudicial

Após recibir milleiros de queixas da cidadanía, a Defensora do pobo emitiu unha serie de recomendacións que o titular de Xustiza deberá acatar se non quere enfrontarse cun recurso de inconstitucionalidade. O prazo remata o 21 de febreiro


O ministro español de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, revisará a súa lei de taxas. Unha serie de recomendación realizadas pola Defensora do pobo, Soledad Becerril, insta o conservador a reducir a contía do tributo fixado para a primeira instancia das ordes civil e contencioso-administrativa e unha serie de mudanzas que afectan a "aspectos substanciais" da lei de taxas.

Gallardón non recoñece a transcendencia das recomendacións de Becerril, e di que son "modulacións á baixa" que non afectan o esencial da súa proposta. A Defensora ten até o 21 de febreiro para decidir se presenta un recurso perante o Tribunal Constitucional.

No texto achegado, Soledad Becerril exixe tamén que as taxas a cobrar se estabelezan en función da capacidade económica das persoas xurídicas, así como unha revisión de todos os tributos para facilitar o acceso á xustiza. Así mesmo, insta á supresión daquelas taxas que deveñan cando se enxuizan procedementos sancionadores, nos recursos contra execucións hipotecarias, recursos de suplicación e casación na orde social e execución de resolucións arbitrais de consumo.

Para alén de todo o anterior, exixe a devolución íntegra do imposto cobrado a todas as persoas beneficiarias da Asistencia xurídica gratuíta. Entre estas atópanse as mulleres en situación de violencia machista, a quen Gallardón lles está a cobrar 300 euros cando presentan unha demanda de divorcio desde o 17 de decembro, cando entrou en vigor o novo imposto. Un mes antes, o titular de Xustiza anunciara que as mulleres maltratadas ficarían exentas de pagar taxa ningunha, mais a lei de xustiza gratuita non entrou aínda en vigor.