Perto do 90% de seguimento da greve

Manifestación nas rúas de Vigo durante a folga estudantil do #6F

Esta quinta feira o ensino está en loita contra a reforma educativa. Manifestacións percorrerán todo o país para exixir ao goberno español que retire o anteproxecto da LOMCE. Hora e lugares das mobilizacións no interior

 

Estudantes, profesorado e mesmo familias están chamadas a secundaren esta greve xeral no ensino contra unha reforma educativa que previsibelmente será aprobada esta sexta feira polo Consello de Ministr@s. 

Da nova lei non gosta ninguén para alén daqueles colectivos para os que está feita. A Igrexa e os sectores máis radicais da dereita española aplauden a nova norma deseñada polo ministro de Educación, José Ignacio Wert. Fronte a el(es) a comunidade educativa ao completo que ve na reforma "unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade". 

Mais tamén é unha lei "centralizadora e sexista" que (re)produce os roles tradicionais e heteropatriarcas a través da blindaxe dos concertos económicos coas escolas que segregan por sexo. "Ao servizo da patronal" alertan desde as plataformas en defensa do ensino, a LOMCE "mercantiliza" un dereito fundamental posto en risco pola política de recortes. 

A convocatoria abrangue o conxunto dos territorios do Estado español. Porén na Galiza agárdanse que as mobilizacións sexan masivas ao igual que aconteceu en pasadas convocatorias, a última delas o pasado 6 de febreiro cunha folga estudantil. 

Hora e lugares da Plataforma galega en defensa do ensino público

ÁS 11.30
OURENSE: Xefatura territorial
VIGO: Praza dos Cabalos
FERROL: Praza de España/Praza de Armas
VILAGARCÍA: Praza de Galiza
PONTEVEDRA: Praza da Ferrería
A CORUÑA: Praza de Vigo
LUGO: Praza da Horta do Seminario
BURELA: Praza da Mariña. (Concentración)
SANTIAGO: Praza do Toural
CARBALLO: Praza do Concello

Hora e lugares da Plataforma en defensa do ensino público 

ÁS 19.30
A Coruña (Praza da Palloza)
Lugo (Ronda da Muralla)
Ourense (Subdelegación do Goberno)
Ferrol (Praza de España)
Vigo (Vía Norte)