A pancarta do PP no Oso de Salcedo, na Pobra do Brollón, era "ilegal" segundo a Xunta Electoral

Pancarta pendurada na Pobra do Brollón "poucas horas antes" da celebración da popular festa. (Foto: Nós Diario)
"As accións e formas do portavoz popular na Pobra do Brollón mostran unha tremenda falta de respecto pola veciñanza, polas institucións e incluso polo cargo que ocupa que é de carácter representativo", asegurou a responsábel do BNG na zona, Rosana Prieto.

A denuncia presentada polo BNG ante a Xunta Electoral de Zona (XEZ) contra a pancarta do PP pendurada á entrada do entroido do Oso de Salcedo (Pobra do Brollón) deu os seus froitos para a formación nacionalista.

A XEZ resolveu esta quinta feira que esa pancarta na cal se podía ler “Vota PP” era ilegal. Esta resolución chega despois dun Pleno convocado polas formacións políticas do BNG e o PSOE na Pobra do Brollón no que o portavoz do PP acusou as outras formacións de querer apropiarse desta festa e rematou abandonando o pleno.

Cabe destacar que o propio Oso do entroido é o candidato popular á Alcaldía da localidade guímara, concello gobernado por Xosé Lois Maceda, do Bloque Nacionalista Galego.

“As accións e formas do portavoz popular na Pobra do Brollón mostran unha tremenda falta de respecto pola veciñanza, polas institucións e incluso polo cargo que ocupa que é de carácter representativo. É unha mágoa, porque o único que conseguiu foi enfadar e enfrontar a veciños, pondo no centro do entroido os seus intereses persoais e de partido en prexuízo da tradición, do Oso, e do interese colectivo”, asegurou a responsábel comarcal do Bloque, Rosana Prieto.

"Falta de respecto"

O rexedor asegurou tamén que é "un intento de politización dunha tradición comunitaria" coa que se "falta ao respecto de moitas persoas" que ao longo do tempo e nos últimos anos traballan para manter este importante elemento do Patrimonio "independentemente das siglas políticas".