A OMS alerta: "Debemos prepararnos para a próxima pandemia"

O director da OMS, Tedros Adhanom, ante a prensa. (Imaxe: OMS)
O máximo dirixente do organismo sanitario internacional de Nacións Unidas alertou de posíbeis pandemias futuras.

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, instou os países a non demorar máis a aprobación do tratado internacional para estar preparados ante futuras pandemias.

"Non podemos escapar do asunto. Se non facemos os cambios necesarios, quen os fará? E se non os facemos agora, cando? Cando a próxima pandemia chame á porta, e farao, debemos estar preparados para responder de forma decisiva, colectiva e equitativa", defendeu Tedros durante a súa intervención na Asemblea Mundial da Saúde, que decorre en Xenebra (Suíza).

O máximo dirixente do organismo sanitario internacional de Nacións Unidas alertou disto a pesar de que xa está acabado a emerxencia internacional pola Covid-19, aínda que "segue existindo a ameaza de que apareza outra variante que provoque novas ondas de enfermidade e morte".

Igualmente, avisou de que "segue existindo a ameaza de que apareza outro patóxeno cun potencial aínda máis mortífero". "E as pandemias están lonxe de ser a única ameaza á que nos enfrontamos", engadiu respecto diso.

Por iso, insistiu ante todos os Estados membro da OMS da necesidade de ter un mecanismo de preparación ante pandemias: "Nun mundo de crises superpostas e converxentes, unha arquitectura eficaz de preparación e resposta #nte emerxencias sanitarias debe abordar emerxencias de todo tipo".

Tedros considera que a Reunión de Alto Nivel sobre Preparación e Resposta ante Pandemias que terá lugar este ano podería ser "unha valiosa oportunidade para que os líderes tracen un camiño claro cara a ese futuro".

"Compromiso xeracional"

"Necesitamos un compromiso xeracional de que non volveremos ao vello ciclo de pánico e neglixencia que deixou vulnerábel o noso mundo, senón que avanzaremos cun compromiso compartido para facer fronte a ameazas compartidas cunha resposta compartida. Por iso dicimos que a pandemia é un compromiso xeracional: un compromiso desta xeración é importante porque esta xeración experimentou o terríbel que pode ser un pequeno virus", argumentou o director xeral da OMS.

Así, e en conclusión, pediu a todos os Estados membro que "participen de forma construtiva e urxente nas negociacións sobre o acordo relativo á pandemia" así como na actualización do Regulamento Sanitario Internacional, para que "o mundo non teña que enfrontarse nunca máis á devastación dunha pandemia como a de Covid-19".