A neve recén caída na Antartida rexistra por primeira vez a presenza de microplásticos

Microplásticos. (Foto: Aimplas/Charo Pascual)
As partículas percorreron unha distancia de até 6.000 quilómetros antes de rematar na Antártida.

Un estudo realizado polo estudante do doutoramento da Universidade de Canterbury Alex Aves, e supervisado pola doutora Laura Revell, deixa patente por primeira vez a presenza de microplásticos na neve recén caída na Antártida.

O traballo, publicado esta terza feira na revista científica The Cryosphere, explica como o grupo de investigadores recolleu mostras de neve en 19 lugares distintos da plataforma de xeo Ross.

Xa se atoparan microplásticos en estudos anteriores deste tipo, mais sempre suspendidos no aire. Esta é a primeira vez que os microplásticos aparecen na neve, 29 partículas por litro de media.

En total, o equipo investigador puido identificar até 13 tipos distintos de plástico. 

Botellas e roupa

Dos 13 tipos diferentes de plástico detectados, o máis predominante foi o tereftalato de polietileno (coñecido polas súas siglas en inglés, PET), presente habitualmente en recipientes como botellas e na roupa.

Segundo os investigadores, estas partículas, cun tamaño non superior aos 5 milímetros, puideron percorrer unha distancia de até 6.000 quilómetros antes de quedar pousadas na neve da Antártida.

Esta capacidade de propagación vén debida do seu minúsculo tamaño, que permite que o aire as transporte a longas distancias do seu punto de orixe.