Contrabando e financiamento político

A narcopolítica galega

A estrea da serie televisiva Fariña, baseada no libro homónimo do coruñés Nacho Carretero, volveu sacar á palestra todos os clásicos do contrabando e narcotráfico galegos e os seus coñecidos vínculos, máis ou menos intensos, con Alianza Popular e, logo, co PP. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 288.

A historia recente do xornalismo galego está salpementada de reportaxes que revelaban a forte implantación na Galiza dunha actividade que foi mudando e adaptándose ás circunstancias ao longo das últimas décadas. O libro Todo é silencio, de Manuel Rivas, tamén describe aquel ambiente nos anos dourados do contrabando e da súa “evolución” cara ao narcotráfico.

 

Perfecto Conde, autor de La conexión gallega: del contrabando al narcotráfico (Ediciones B, 1991), é un dos pioneiros na investigación xornalística sobre o narcotráfico nun tempo en que a loita contra a lacra estaba aínda en cueiros. Conde asegura en declaracións a Sermos Galiza descoñecer se esa rede “estaba moi ben organizada, mais algo de rede existiu. O que está claro, cando menos, é que diñeiro procedente do contrabando de tabaco e do narcotráfico fluíu cara á sustentación económica de Alianza Popular e, máis tarde, do Partido Popular”. O xornalista lembra o famoso episodio da xuntanza de contrabandistas no Parador de Turismo de Cambados para repartir as cantidades a achegar a unha campaña electoral de AP. As discrepancias sobre a cota a satisfacer desembocaron nun grave incidente con bala e ferido de por medio.

 

O que é indubidábel é que AP era a organización política con máis arraigo nas comarcas nas que se desenvolveu con forza o contrabando de tabaco e, logo, o narcotráfico. “A AP de Fraga”, lembra Conde, “sempre tivo relación e interdependencias moi significativas. Foron sabidas –e probadas– as relacións de amizade e de camaradería que existiron entre o líder conservador e Manuel Díaz González, “Ligero”, contrabandista histórico que foi alcalde da Guarda e vicepresidente da Deputación de Pontevedra”. Mais non foi o único: aí está a relación que mantivo Fraga con Vicente Otero, “Terito”, amigo persoal e militante histórico “popular”, distinguido coa insignia de ouro e brillantes do partido. Con todo, nunca se demostrou a súa implicación en operacións que non fosen contrabando de tabaco.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 288 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]