O símbolo da cidade máis antiga da Galiza

A muralla de Lugo

A muralla é o símbolo de referencia da vella capital da Galiza na Idade Antiga e na Alta Idade Media. Construída no século III, nun momento no que a crise do Imperio romano comeza a manifestarse, é a única desa época que se mantén no Estado. Viaxar a Lugo é atoparse con esta construción que define a súa personalidade. 

Lugo é a cidade máis antiga da Galiza actual. A súa fundación, ao igual que o das outras dúas poboacións de máis relevo da vella Gallaecia, Braga e Astorga, está asociada á estratexia militar de conquista do Imperio romano. Segundo Covadonga Carreño, "foi inicialmente un campamento, posibelmente para dúas lexións, que xogaría un papel estelar nas guerras cántabras, como campamento base estabelecido por Caio Antistio, un dos condutores da campaña do 25 antes de Cristo, e permaneceu como campamento estábel durante uns 10 anos, até o retorno de Augusto á península entre o 15 e o 13, que será reconvertido en estabelecemento urbano civil".

Os testemuños epigráficos sinalan Paulo Fabio Máximo como fundador da cidade. A este respecto, Covadonga Carreño indica que "non foi ao chou senón como parte dun amplo e ben pensado proxecto de urbanización, vértice sobranceiro en todo o proceso de romanización, tanto do extenso noroeste como doutras terras próximas ou afíns". Na mesma liña, Covadonga Carreño destaca que "a transformación urbanística de campamento en urbe civil non se realizaría de maneira instantánea, prolongaríase a primeira fase da súa xestación ao longo da primeira centuria da era".

A topografía de Lugo xa está ben definida nas primeiras centurias na nova era cunhas características que son comúns a todo o período do Alto Imperio. Así, Felipe Arias destaca que dos século I ao III "está documentado o hábitat por fóra do miolo ou do núcleo urbano, así como unha necrópole de incineración urbana na área da praza de Ferrol". Ao tempo, significa que "as termas públicas da cidade estaban ao pé do río Miño e preto da ponte vía XIX", "no contorno do actual balneario, onde xa se explotaban, pois as súas augas mineiro medicinais eran de múltiples aplicacións".

 Unha edificación do séc. III

Lugo coñece unha importante transformación que a marca até hoxe en día a partir do século III, momento en que se acorda erguer as murallas. A súa construción vai coincidir coa creación da nova provincia da Gallaecia por Diocleciano, onde a cidade pasa a ser capital dun dos seus conventos xurídicos. A súa importancia política vaise manter ao longo de toda a Alta Idade Media, como dá conta a realización do conci lio de 569, convocado polo rei galego Miro e xa séculos máis adiante como praza reservada para o herdeiro ao trono, exemplificado nos casos dos reis Ramiro I e Ordoño I.

O deseño e trazado global da muralla de Lugo comprende actualmente un cerco completo cun perímetro de 2.266 metros, reducíbeis a pouco máis de 1,5 millas romanas, medidas polo eixe do adarve actual. Practicamente, a única alteración visíbel do trazado orixinal está no bastión angular do Reduto Cristina, colocado en 1837 por diante da liña orixinal do recinto, ocultando a localización de catro dos cubos primitivos. As outras alteracións destacábeis no conxunto, malia non ter afectado ao tratado propiamente dito, consistiron na eliminación ou mutilación dalgúns cubos e na apertura de portas modernas.

O recinto da muralla adopta unha planta aproximadamente rectangular, cun eixe maior de norte a sur duns 700 metros e un menor de leste a oeste duns 500 metros, abarcando unha superficie de 34,4 hectáreas. Os lados deste rectángulo son lixeiramente oblongos, probabelmente para axeitarse mellor ao terreo preexistente, conservándose actualmente 71 torres, se ben orixinariamente deberon ser 85. A maior parte delas están construídas en planta semicircular, agás as que seguen á porta Miñá, e deberon de estar coroadas por torres de dous pisos como testemuña a torre da Mosqueira, na que aínda fican algúns restos.

As portas da muralla

A muralla contou orixinariamente con seis portas ás que se lle sumaron cinco máis ao longo dos séculos XIX e XX. Actualmente consérvanse desa primeira etapa as portas Miñá, Poxigo ou de Santiago, Toledana ou de San Pedro, Nova ou da Rúa Nova e Falsa, e atópase cegada desde o século XVII a coñecida como Porta Castelli. A porta Miñá é a máis antiga, está formada por unha bóveda de canón e un arco de medio punto, protexida exteriormente por dúas torres con perpiaños de granito e laxe, antigamente daba saída á estrada que ía ao Miño e cara a Iria Flavia.

A porta do Poxigo ou de Santiago foi inicialmente de uso particular dos cóengos, destaca polas súas dimensións de 4,15 metros de longo e 5,50 metros de alto, e foi modificada arredor de 1759 coa incorporación dunha imaxe do Apóstolo Santiago, que se atopa fronte á catedral de San Martiño. A porta Toledana ou de San Pedro mide 3,70 metros de longo e 4,85 metros de alto, cunha altura do adarve neste punto de 10,80 metros, formando unha bóveda de medio canón e un arco faxón. Esta porta servía de entrada ás calzadas XIX e XX procedentes de Braga e Astorga, e utilízase hoxe en día como lugar de acceso á cidade do Camiño Primitivo.

A porta Nova tal é como a coñecemos hoxe data de 1900, está situada nunha ladeira e ten 4,60 metros de largo por 8 metros de alto, mide 8,95 metros até o adarve, e era na súa orixe o lugar de saída cara a Brigantium e a principal vía de comunicación cara ao norte. A porta Falsa era un acceso empregado pola gornición romana, presentaba as características das edificacións coñecidas como posterulae, cuxo único fin era militar, como saída dunha trincheira escavada no terreo.

As termas romanas de Lugo

As termas son outros dos restos patrimoniais de máis relevo da época romana. Conservadas nas instalacións do actual balneario situado ás beiras do río Miño, a súa orixe remóntase probabelmente á da propia fundación da cidade, podéndose observar parte do antigo vestiario e outra instalación que os expertos consideran parte da zona de baños quentes. Segundo Rosa Meijide, "sábese que o conxunto edificado, sen contar cunha probábel gran palestra, comprendería como mínimo 2.500 metros cadrados", sinalando que "a magnitude das instalacións fai supor, con toda seguridade, que a cidade Lugo dispoñía duns grandes baños públicos"

As tentativas de demolición da muralla

A cuestión do derrubo da muralla dividiu durante practicamente un século a sociedade lucense. A un lado, os partidarios de botala abaixo, aducindo que era un atranco para o progreso da cidade ao impedir o seu crecemento, argumentando a necesidade de tirala por razóns de "hixiene pública". En fronte, un sector de opinión durante moito tempo minoritario, que acudindo a razóns de orde arqueolóxica e histórica apostaban pola súa conservación como unha lección cultural viva e permanente. As diversas tentativas de derrubala, a máis seria delas a de 1895, non foron adiante, e aceptouse finalmente en 1912 a súa declaración no Congreso dos Deputados como monumento nacional. 

Esta peza publicouse con 'máis', suplemento de agosto de Nós Diario que podes adquirir en quioscos ou na nosa loxa.