A muller sorprendida prendendo lume en montes de Nigrán en 2020 acepta 18 meses de prisión

A veciña de Nigrán sorprendida prendendo lume ao monte durante o xuízo (Foto: Europa Press).
Segundo o escrito de Fiscalía, os feitos sucederon durante o mes de agosto de 2020, cando a muller, de 60 anos nese momento, foi sorprendida en varias ocasións prendendo lume á maleza e no monte próximo á súa vivenda, no lugar de Nandín.

A muller acusada de prender varios focos de fogo en zonas forestais de Nigrán, María Luisa A.A., no verán de 2020, aceptou esta terza feira penas que suman 18 meses de prisión e multas por 2.700 euros, nunha vista de conformidade decorrida na sección quinta da Audiencia de Pontevedra, con sede en Vigo.

Aínda que inicialmente a Fiscalía pedía para ela condenas que sumaban 12 anos de cárcere, produciuse un acordo entre a acusación pública e a defensa, e rebaixouse esa petición até os seis meses de prisión por cada un dos tres delitos de incendio forestal.

Ademais, tamén se acordou a suspensión da execución da pena por un período de 3 anos, a condición de que a muller non volva delinquir e pague as indemnizacións que se poidan estabelecer (no caso de que a Xunta ou algún veciño afectado reclame).

Segundo o escrito de Fiscalía, os feitos sucederon durante o mes de agosto de 2020, cando a muller, de 60 anos nese momento, foi sorprendida en varias ocasións prendendo lume á maleza e no monte próximo á súa vivenda, no lugar de Nandín.

Os incendios

En concreto, sobre as 20.30 horas do 2 de agosto dirixiuse a pé até unha zona de monte próxima á súa vivenda e prendeu lume a un papel, que lanzou a unhas matogueiras que comezaron a arder. Un veciño foi testemuña dos feitos e avisou á Garda Civil, o que permitiu extinguir con rapidez as chamas, que afectaron a uns 20 metros cadrados.

Posteriormente, o 9 de agosto, a muller introduciuse nun camiño de monte da mesma parroquia e prendeu lume á maleza cun chisqueiro que portaba, á vez que avivou as chamas con aceite e dúas pastillas de acelerante.

Cando regresaba ao seu domicilio, as chamas foron advertidas por unhas veciñas e varios condutores, que alertaron aos servizos de extinción. Á chegada dunha patrulla da Policía Local, que lle incautou un chisqueiro, o aceite e as pastillas acelerantes, a muller simulou un desmaio.

O escrito de Fiscalía recolle que a muller volveu tentar prender lume ese mesmo día, lanzando desde o seu domicilio papeis ardendo á maleza, aínda que nesta ocasión non o logrou dando que a zona estaba húmida dos labores previos de extinción. Finalmente, impútaselle outro incendio producido o 10 de agosto, sobre as 23.25 horas, tras lanzar papeis acesos cara á maleza.

Na vista desta cuarta feira, tras o acordo das partes, o tribunal ditou sentenza e declarouna firme no mesmo acto, impondo esas penas que suman 18 meses de cárcere e multas que suman 2.700 euros.