A Mariña perde o tren

As persoas usuarias teñen a percepción de que o Estado ten na mente o desmantelamento dos camiños de ferro na Mariña.

Chegou tarde. Deseñado como unha infraestrutura de uso militar pensada para a comunicación da área cantábrica coa base militar de Ferrol, cuestión que aínda se observa con claridade no seu trazado e estrutura construtiva, os primeiros traballos iniciáronse á volta da primeira década do século XX. Sometido a diversas paralizacións, o que provocou unha intensa contestación nas comarcas da Ferrol, Ortegal e A Mariña, o seu impulso máis decisivo coincidiu cos anos finais da ditadura de Primo de Rivera e o primeiro bienio republicano, ficando de novo paralizado até finais dos anos corenta, pospoñéndose a abertura de todos os seus tramos a mediados dos anos sesenta, nunha viaxe que contou coa presenza do ditador Francisco Franco. Máis de 70 anos de retraso, unhas estacións e apeadoiros alonxadas dos núcleos urbanos, unha escasa oferta de liñas e fundamentalmente a falta de vontade política das administracións publicas por potenciar este tipo de transporte, agravaron a situación.

 

A ausencia de interventores está provocando que as e os pasaxeiros viaxen gratis en diversos tramos do ferrocarril e mesmo na totalidade do percorrido

 

A pasada semana, José María Elorza Rodríguez apresentaba unha reclamación contra Renfe após viaxar o  xoves 14 de Setembro entre Ferrol e Ribadeo sen que ao longo do traxecto de máis de tres horas se presentará ningún interventor para proceder ao cobro da súa viaxe. Non foi un caso único, ese mesmo día, arredor doutros trinta pasaxeiros que fixeron o mesmo traxecto de José María ficaron sen pagar o seu billete diante da ausencia de persoal para proceder ao cobro dos billetes,  ausencia  que non é un novidade  e que vén sendo denunciada con anterioridade por outras usuarias desde o mes de marzo. Segundo sinalan desde a  Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo, a supresión dos interventores era “un feito nos trens de proximidades, pero agora tampouco van nos rexionais, cando é unha figura moi importante para a seguridade da viaxe e para a información do usuario. Pero é máis, a falla de interventores deixa o servizo sen estatísticas de viaxeiros, o que favorece a política do goberno de desmantelar o servizo”.

 

O deterioro dos servizos ferroviarios de vía estreitan avanzan a un ritmo insostíbel na Mariña. A frecuencia dos retrasos, con anterioridade situados entre dez e quince minutos, superan xa a media hora, as cancelacións están a se converter na norma, nuns casos por fallo de material e noutros por avarías nas maquinas, o que obriga as viaxeiras a completaren a ruta noutro transporte público, mais tamén en taxi, o que dilata aínda máis a viaxe. Na mesma liña explícase os incidentes acontecidos neste tramo de vía nos últimos meses, sinalándose aqueles derivados da antigüedade tanto dos vagóns ou das maquinas, aparellos que chegan á zona con moitos anos e que son reutilizadas case sen mantemento. Segundo os dados que fornece a Plataforma pola Defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo, desde xuño lévanse contabilizado  arredor de noventa incidencias nos tramos correspondentes á Mariña; porén, os niveis de ocupación rexistrados nos meses de verán foron especialmente altos.

 

Son moitas as persoas convencidas que detrás deste abandono agóchase un plan deliberado por parte do goberno central e autonómico para acabar co ferrocarril na Mariña

 

Son moitas as persoas convencidas que detrás deste abandono agóchase un plan deliberado por parte do goberno central e autonómico para acabar co ferrocarril na Mariña. O propio José María Elorza, após presentar a reclamación contra Renfe, non dúbida en afirmar “o que están facendo é desmantelar o servizo porque doutro xeito é inexplicábel que estea pasando isto”, nunha dirección que xa fora apuntada por diversas forzas sociais e políticas da comarca. Á volta do mes de xuño Ana Pontón, nunha visita á zona no mes de xuño, non dubidaba en sinalar o Estado como responsábel do deterioro no tren da zona, cuestión que xerou diversas iniciativas no parlamento e mesmo unha resolución unánime na que se esixía o traslado á Xunta das competencias sobre o mesmo, aspecto que os nacionalistas viñan demandando desde a primeira lexislatura de Francisco Rodríguez no Congreso des Deputado. O tren da costa, como é popularmente coñecido polos veciños da zona, agoniza e só unha acción urxente e decidida pode evitar o seu desmantelamento definitivo.