A hostalaría reabrirá en "boa parte" da Galiza a próxima semana

Bares e restaurantes fechados en pleno centro da zona vella de Santiago de Compostela (Foto: Arxina)
En "boa parte" da Galiza abrirá a hostalaría a próxima semana. Será o Comité Clínico que asesora a Xunta da Galiza en materia de sanidade quen decida "en que intensidade". Así o explicou na mañá da sexta feira o presidente, Alberto Núñez Feixoo.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, anunciou na mañá da sexta feira que a próxima semana "boa parte" da Galiza poderá reabrir a hostalaría, que leva fechada desde o pasado 27 de xaneiro no marco das medidas para combater a pandemia da Covid-19.

Matizou que o Comité Clínico que asesora o seu Goberno durante a crise sanitaria determinará "con que intensidade e con que horario".

Nunha entrevista concedida a Cadena Cope, o mandatario galego reivindicou o labor deste comité con 35 profesionais "con número de colexiado" e recalcou que durante unha pandemia as opinións sanitarias son as "prioritarias".

Nada sinalou a respecto de que 47% das persoas que integran o comité son cargos políticos. De feito, nas últimas semanas, este órgano quixo eludir o debate ao respecto, apuntando que "a nosa cor son os pacientes".

Os datos "están indo ben"

Neste contexto, Feixoo confirmou que os datos epidemiolóxicos da Galiza "están indo ben" e, posteriormente, asegurou: "Eu creo que na segunda feira, que nos imos a reunir, boa parte da Galiza empezará a abrir a súa hostalaría".

Todo o territorio galego leva desde o 27 de xaneiro en restricións máximas e, aínda que o comercio volveu esta semana ao seu horario habitual e o sector cultural puido retomar, en parte, a súa actividade, os bares, restaurantes e ximnasios seguen fechados, todos os municipios continúan perimetrados e as reunións están aínda limitadas a persoas convivientes.