O Consello de goberno da UVigo aproba a aplicación do decreto Wert entre fortes medidas de seguridade

Seguridade privada impide o acceso ao Consello a membros da comunidade educativa

Vetando o acceso da comunidade universitaria, o Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobou esta sexta feira a aplicación do decreto Wert. Representantes de PDI, estudantado e PAS advirten que impugnarán os acordos porque "vulneran a legalidade". O estudantado denuncia que foron "ameazados con represalias académicas e legais".  

 

Após ser adiada a sesión por mor das protestas desenvolvidas a pasada quinta feira, o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, decidiu aprobar si ou si a aplicación da lei da wertgoña. Neste senso, un importante despregue de seguridade privada agardaba @s representantes estudantís e sindicais ás portas da reitoría para lles impediren o acceso á sesión. 

"Acordamos volver porque após as negociacións non incluíran na orde do día os puntos que solicitabamos" asegura Brais Fortes, responsábel de Campus dos Comités. "Cando chegamos había máis de vinte axentes de Prosegur agardándonos" cando o habitual, matiza Brais "é que haxa 3". A seguridade privada impediu o acceso d@s estudantes e PAS que exixían tomar parte --como estabelece o regulamento universitario-- da xuntanza.

"Obrigáronnos a nos identificar e ameazáronnos con represalias académicas e legais"

Porén, foron vetados "e mesmo nos ameazaron con represalias académicas e legais" se teimaban en entrar, salienta Fortes. Cando conseguiron acceder ás instalacións do Reitorado, situado no Campus Universitario de Vigo (CUVI) "pedíronnos que nos identificasemos todos". 

De acordo co fixado no regulamento, toda persoa membro da comunidade universitaria ten dereito a participar dos Consellos de Goberno. Neste senso a súa entrada non pode ser impedida en ningún caso. Aliás, representantes do Persoal de administración e servizos denuncian terlles sido negada a palabra durante a sesión e mesmo seren expulsad@s da mesma. 

Após consultaren co Tribunal de Garantías da universidade e con servizos xurídicos, @s representantes estudantís e sindicais aseguran que presentarán "unha queixa legal para impugnar a orde do día e dos acordos" adoptados en solitario pola equipa reitoral pois, segundo afirman, o regulamento foi vulnerado en diversas ocasións mesmo, na convocatoria da propia sesión ordinaria.