A mineira de Corcoesto deberá abandonar a nave onde traballa ao non ter licenza

Unha resolución do Concello de Cabana (PP) anulara a primeira orde de peche "dando por boa toda a argumentación" de Edgewater. Porén, un decreto sobre avaliación da incidencia ambiental dálles a razón aos e ás veciñ@s contrari@s á mina a ceo aberto


A empresa canadense Edgewater, que pretende unha explotación mineira de ouro a ceo aberto nos montes de Corcoesto, Cabana de Bergantiños, terá que abandonar o seu centro de traballo no lugar ao non contar coa preceptiva licenza municipal e non poder legalizar a súa actividade.

Así o vén de comunicar a Plataforma pola defensa de Corcoesto, quen informa que a orde de peche da nave agrícola en que a mineira se instalara hai máis de dez anos estaba recorrida pola empresa. "Dando por boa toda a súa argumentación", o alcalde de Cabana, José Muíño (PP), ditou unha resolución que o colectivo veciñal cualifica de "inxusta" e que deixaba sen efecto a orde de peche inmediato.

Porén, tamén a parte denunciante recorreu, amparándose no decreto 133/2008 sobre avaliación da incidencia ambiental que o Parlamento da Galiza aprobou en xuño dese ano. O uso que Edgewater dá á nave, actividades relacionadas coa extracción mineira, "non é susceptíbel de licenza", polo que, desta volta si, a empresa deberá proceder ao peche.

Denuncian "conivencia" entre a empresa e o Concello

Así as cousas, a devandita norma estabelece que as actividades de minaría e as instalacións de tratamento de pedras e outros produtos minerais, cando a súa capacidade é superior a 200 mil toneladas por ano, ou para calquera capacidade cando a instalación diste menos de 500 metros dun núcleo de poboación, precisan dun estudo de incidencia ambiental, aspecto este que "pretendían obviar" a empresa mineira e o Concello de Cabana.

Neste caso concreto, a nave agrícola dedicada a usos industriais extractivos dista 298 m do núcleo de poboación do Dequente e 446 m do núcleo de Campo de Castro. En consecuencia, o Concello estaba obrigado á adopción de medidas cautelares e a decretar de xeito inmediato a suspensión da actividade.

Por outra banda, Mineira de Corcoesto pretendía que lle resultase de aplicación a Lei 17/2009 sobre o libre acceso ás actividades de servizos coas modificacións introducidas pola Lei 2/2011 de economía sostíbel, para poder desenvolver a actividade industrial mineira "disfrazada dunha actividade de servizos", que non require de permiso municipal. Tamén este argumento foi aceptado polo rexedor José Muíño.

No entanto a actividade da empresa mineira "nada tiña a ver" cos servizos aos que fai referencia a norma. Di a Plataforma que tal extremo se detalla até nos informes do arquitecto técnico municipal e da policía local, que acreditaban que a nave se dedicaba ao procesado de material procedente dunha actividade extractiva. Por derradeiro e como xa denunciaran @s veciñ@s de Corcoesto contrari@s á mina a ceo aberto, Edgewater vulnerou tamén a Lei do solo de Galiza, no referente ao sinalado respecto do cambio de uso agrícola a industrial.