''Que medidas vai adoptar o goberno para achegar @s pres@s á Galiza?''

Cadea humana contra a dispersión [Maia]
A deputada nacionalista Rosana Pérez rexistra unha pregunta dirixida á Mesa do Congreso en que exixe ao PP que se posicione sobre a dispersión penitenciaria. Un cálculo estimado revela que familiares e amizades deixan ao redor de 75 mil euros ao ano en visitar @s pres@s independentistas

O artigo 31 do Regulamento penitenciario confire ao goberno español a competencia para determinar o destino das persoas reclusas nos diferentes penais do estado. Porén, o artigo 12 da Lei orgánica xeral penitenciaria fixa unha limitación: cómpre evitar o desarraigamento social da poboación reclusa. Tal disposición non se acata a respecto de ningunha d@s 12 pres@s galeg@s.

Dueñas (Palencia, 480km), Topas (Salamanca, 413km), Soto del Real (Madrid, 589km), Villabona (Asturias, 295km), Estremera (Madrid, 676km), Aranjuez (Madrid, 647km) ou Navalcarnero (Madrid, 616km), son algúns dos cárceres españois polos que pasaron Antom Santos, Santiago Vigo, Diego Santín, Carlos Calvo, María Osorio, Xurxo R. Olveira, Héctor Naya 'Koala', Roberto R. Fialhega 'Teto', Eduardo Vigo, Júlio Sayáns, Jose Manuel Sanchez Gorgas e Telmo Varela.

Pola súa situación vén de preguntar o BNG no Congreso d@s deputad@s, rexistrando unha pregunta parlamentar remitida por Esculca á Dirección xeral de institucións penitenciarias no mes de xuño e que non recibiu ningunha resposta. A plataforma cidadá Que voltem à casa calculou en 2011 que os gastos ocasionados a familiares e amizades ascendían a 8.400 euros ao ano. Daquela @s independentistas pres@s eran só catro. Un cálculo estimado para os gastos actuais elevaría a cifra até os 75 mil euros anuais.

Así as cousas, a deputada nacionalista Rosana Pérez constatou na pregunta dirixida á Mesa do Congreso que os criterios de adxudicación dun centro penitenciario onde cumprir prisión preventiva ou condena non ten estrita relación coa dispoñibilidade de prazas pois, tal e como advertiu Esculca, a reclusión lonxe da Galiza é frecuente en pres@s sometid@s ao réxime pechado --en primeiro grao-- e naqueloutr@s clasificad@s como FIES --intern@s de especial seguimento--, un réxime que foi ilegalizado en virtude dunha sentencia do Tribunal Supremo ditada en 2009. Porén, séguese aplicando.

Preguntou tamén Pérez Fernández polas limitacións ás cales se ven suxeitas estas persoas reclusas, sen respectar o carácter temporal que o propio Regulamento penitenciario exixe para elas. Por todo o anterior, o BNG exixe unha resposta escrita en que o goberno español sinale a cifra de poboación reclusa galega encarcerada fóra da Galiza, as medidas que o PP vai adoptar para cumprir coa disposición legal do arraigamento familiar --contra a dispersión-- e se se vai "relaxar" a aplicación de medidas que limiten os dereitos d@s pres@s.