A defensa de Telmo Varela exixe a liberdade após o xuízo e dous anos en prisión preventiva

Concentración solidaria [Imaxe: Amaía]
O xuízo contra os sindicalistas Miguel Nicolás e Telmo Varela ficou visto para sentenza. Os seus avogados dan por probado que "non existe proba de cargo suficiente" contra eles e denuncian que algunhas das achegas da acusación foron obtidas de maneira irregular. Observador@s de CIG, AGE e Esculca personáronse para velar polo cumprimento das garantías procesuais


O xuízo contra os sindicalistas Miguel Nicolás e Telmo Varela ficou visto para sentenza.

Baixo unha presenza policial máis que notábel e cun helicóptero sobrevoando unha concentración de solidariedade da cal facían parte por volta de cen persoas, os dous avogados da defensa, Manuel Chao e Borxa Colmenero, dan por probado, "sentenciar o que sentenciar" a xuíza, "que non existe proba de cargo suficiente", senón "meros indicios interpretados de maneira subxectiva".

Por este motivo, e amparándose en que unha vez celebrado o xuízo non existe xa risco de destrución de probas, a defensa de Telmo Varela reclamou 'in voce' a inmediata posta en liberdade do sindicalista, que leva máis de dous anos en prisión preventiva e sometido á dispersión. A xuíza pronunciarase sobre este particular "nos vindeiros días", aínda que a sentenza tardará algo máis.

"As testemuñas contan o que a policía lles dixo que contasen"

Colmenero, en conversa con este xornal, dixo que, ao seu entender, ficou probado que "as dúas únicas persoas que viron os feitos que se lles imputan declararon que non viron nada e que fora un policía quen llelo contara". Para alén das testemuñas, a acusación achegou unha fita de vídeo na cal, segundo sinalou, se vía a Telmo Varela nun zulo. Pola súa banda, a defensa subliñou que non é posíbel a identificación do sindicalista. Na gravación aparecen até cinco persoas paseando os cans por ese monte, que queda perto da vivenda familiar de Varela.

Os avogados da defensa denunciaron "violación das garantías procesuais" na fase de instrución, ao considerar que houbo probas achegadas que se obtiveron "de maneira irregular". Ao fío, Miguel Nicolás dixo que nin autorizou nin asistiu a un rexistro practicado nun carro da súa propiedade aparcado no garaxe da súa casa, rexistro que se tería practicado sen a preceptiva orde xudicial.

Até 15 anos por guindar un cóctel molotov contra unha oficina do INEM

Miguel Nicolás e Telmo Varela sentaron o 5 e o 6 de febreiro no banco d@s acusad@s do xulgado do Penal nº1 de Vigo imputados por un delito de danos coa agravante de disfrace. Relaciónanos co guindamento dun cóctel molotov contra unha oficina do INEM no barrio de Coia en decembro de 2010, perpetrado por persoas encapuchadas. A petición de pena por parte da fiscalía é de cinco anos para Nicolás e dez para Varela, após recuar na súa tentativa de lles imputar un delito de terrorismo individual. Este suposto sería competencia da Audiencia Nacional española, polo que o xuízo non podería celebrarse en Vigo.

A defensa intentou "separar o máis posíbel" a fase de instrución da fase de enxuizamento para evitar "que estivera contaminado", polo que alegou incompatibilidade do xulgado do Penal ao ser a pena que se pide superior aos 5 anos, competencia da Audiencia provincial de Pontevedra. Porén, o argumento foi refutado ao entender que a maneira de proceder máis favorábel para os imputados era continuar co procesamento en Vigo.

Sindicalistas encarcerados sen xuízo e en réxime FIES 3: banda armada

Malia que durante o procedemento lles foi aplicada a lexislación ordinaria e o tratamento dentro da sala foi "moi correcto", no tratamento penitenciario ficaron baixo a lei antiterrorista e encarcerados en réxime FIES 3, aplicado a pres@s vinculad@s con banda armada.

Así as cousas, após un ano e cinco meses encarcerado e sometido a dispersión en cárceres do Estado, Miguel Nicolás quedou en liberdade provisoria baixo fianza de 3 mil euros e á espera deste xuízo que se vén de celebrar. A Telmo Varela foille denegada a petición de liberdade alegando risco de fuga e de destrución das probas, colocando riba da mesa unha condena anterior que cumpriu integramente, por pertenza aos Grapo.

"A min xa me condenaron; agora xúlganme"

Durante o xuízo, a acusación fixo reiteradas referencias aos antecedentes de Telmo Varela, diante dos cales o propio acusado chegou a sinalar que "a min xa me condenaron, e agora xúlganme". Ambos manteñen que se tratou dun proceso "sinaladamente político" en que o obxectivo era "criminalizar un pasado de loita obreira" vinculada ao sector do metal e ao sindicato en que ambos os dous militaban no momento de se produciren os feitos enxuizados, a CUT.

A título particular, catro colectivos solicitaron enviar ao xuízo observador@s que velasen polo cumprimento das garantías procesuais. Fíxoo o sindicato CIG (o sindicalista Antolín Alcántara, que tamén foi xulgado en relación a uns feitos acontecidos na folga do naval de 2009); as formacións políticas AGE (a deputada Consuelo Martínez) e BNG (finalmente non puido asistir ningunha persoa da formación frontista); e o observatorio polos dereitos e liberdades Esculca. A policía española limitoulles o acceso á sala, vetándoo nalgún caso e malia contar con autorización da xuíza, alegando que "non coñecían" esas persoas.