"O que queren construír aquí é outro Gaiás"

[Imaxe: SG]

17 familias poderían ser desafiuzadas no barrio coruñés de Elviña para construír un parque de 2.400 vivendas; na cidade hai 20.000 casa baleiras. Esta é a cara B do Parque Ofimático proxectado nos '90 entre a Xunta de Galiza e o Concello 


Segundo os dados que manexan colectivos sociais como Stop-desafiuzamentos, na cidade da Coruña hai 20.000 vivendas baleiras. Porén, no barrio de Elviña, o proxecto dun Parque Ofimático ameaza con botar da casa 17 familias que ficarán sen a vivenda e, aliás, contraerán unha débeda millonaria co Concello en concepto de 'urbanización' da zona para a construción dos edificios que albergarán 2.400 pisos. Visitamos dúas familias afectadas: a de Manuel, un home de 85 anos que ten xa a orde xudicial para abandonar a súa casa; e a de Estrella, cuxa débeda ascenderá a 125.000 euros.

42.000 euros pola primeira cota de urbanización

Cóntannos que o Parque Ofimático non é un plan novo. Foi deseñado nos anos '90 pola Xunta de Galiza e o Concello da Coruña. Inicialmente eran 400 as vivendas que se ían construír e 50 delas estaban reservadas para as familias que xa vivían no lugar. A día de hoxe esas 50 xa non se contemplan, polo que @s veciñ@s afectadas ficarán sen casa. Aliás, 17 del@s, as que non quixeron vender os seus terreos á construtora, foron convertidas á forza en "promotor@s", obrigad@s a pagar unhas cuotas que nin a Xunta nin as empresas están a abonar.

"A factura da primeira cuota de urbanización que nos pasaron é de 42.000 euros e eles quedaron co que nos deron pola casa", conta a familia de Estrella. "Eles" é o Concello da Coruña, quen lle taxou a vivenda en que moran en 90.000 euros escasos; quedaron con ese diñeiro e reclaman a maiores 125.000 euros en concepto de cuotas. "Hai quen debe 300.000 euros", subliña a familia de Manuel. Explican que en Elviña xa expropiaron terreos para o campus universitario, para o proxecto de Someso... "e só se fixeron ricas as construturas, o resto fomos perdendo o que era dos nosos pais".

O Concello denuncia nos xulgados que @s veciñ@s non queren marchar

Leva toda a vida no barrio e a orde xudicial de despexo chegou nestes días. El non sabe nin ler nin escribir. Di que non vendeu as leiras porque se fiou do que lle dixeron: que habería unha casa para as familias afectadas. Lonxe de sentar a negociar coa veciñanza, o Concello remitiu unha queixa aos xulgados. "Queixáronse de que querían entrar para continuar coas obras e que non podían porque nos negamos a abandonar as nosas casas". A concellaría de Urbanismo escúdase en que, malia non lles daren un piso, si que lles dan metros cadrados edificábeis. Porén, "en metros cadrados edificábeis non podemos vivir", quéixanse. 

Aos poucos, tod@s @s veciñ@s foron recibindo citacións xudiciais. A primeira orde de despexo veulle a Manuel. Se resta o que lle debe ao Concello do que lle dan pola casa, quédanlle libres 1.000 euros para construír a vivenda nova neses metros cadrados edificábeis que teñen para el. "Que facemos con 1.000 euros? Mercamos tendas de acampada para vivir nelas?" O que reclaman é que se lles garanta unha vivenda ás familias que quedan sen ela. Segundo contan, a empresa Xestur expropiou nos '90 por volta do 55% dos terreos que ocuparía o Parque e, unha vez que se fixo con eles, anunciou que as 50 casas para as familias que viven alí desaparecerían do proxecto. 

"A xente que mercou pisos reclama que se constrúan. Normal. O que queremos é que non nos deixen a nós sen casa", continúan @s afectad@s. Levan tempo a se mobilizaren, mais "a presión policial que temos enriba é enorme e cada vez que nos movemos xa nos veñen identificar a todos". Non só as 17 familias que non venderon as terras están en contra deste pelotazo urbanístico. Entre quen vendeu, algunhas familias intentaron recuperar as súas parcelas. Nos '90 pagáronlles por elas dez mil pesetas o metro cadrado; hoxe pídenlles polo metro cadrado 260 euros. Após explicar a situación en que se atopan, conclúen taxativ@s: "o que queren facer aquí é outro Gaiás".