A concelleira de Normalización de Santiago segue ''desconcertada'' polas críticas tras falar español

Nun encontro mantido coa Mesa, Rebeca Domínguez empregou o galego, mais dixo non entender os reproches após a súa primeira comparecencia pública. Carlos Callón, que valorou esta reflexión como ''un mal sinal'', trasladou o desconcento do colectivo cos ''retrocesos'' que o Concello compostelán está a dar na defensa da lingua

A concelleira de Normalización Lingüística de Compostela, Rebeca Domínguez, manifestou a súa sorpresa polas críticas recibidas despois da súa primeira compatecencia pública neste cargo, feita en español. Nunha xuntanza mantida esta quinta feira co presidente da Mesa, Carlos Callón, Domínguez falou en galego "mais manifestou o seu desconcerto" polos reproches, unha reflexión que "non é moi bo sinal" a xuízo de Callón.

"O que lles pasa aos membros da corporación municipal non é que non saben falar galego, é que non queren", explicou, logo de dar conta da aptitude da concelleira de Normalización para desenvolver unha conversa na lingua propia do País. O feito de que non o empreguen nas súas intervencións públicas "é unha actitude de desprezo cara a lingua". Sobre este e outros "retrocesos" na actitude do Consello de Santiago de cara ao idioma falaron Dominguez e Callón no encontro mantido en Raxoi, onde o presidente da Mesa lembrou que a capital da Galiza fora noutrora "un exemplo do bo facer" na promoción do galego para situarse, a día de hoxe, na beira oposta.

Así as cousas, desaprobou o emprego do español na publicidade institucional ou nos formularios, para alén de que @s representantes públic@s "se neguen a usar a lingua propia". Rebeca Domínguez "pediu desculpas" por non ter comunicado persoalmente a decisión do Concello de rescindir o apoio "simbólico" de 1.000 euros que A Mesa viña recibindo cada ano "desde 1990", mais non deu unha explicación para tal proceder.

Tampouco houbo resposta para o acontecido co Correlingua, cando o rexedor compostelán, Ángel Currás, negou o apoio do consistorio se non se 'retocaba' o manifesto escolar, "un documento do que el non gostaba". Por conseguinte, máis unha vez Callón reclamou unha xuntanza co alcalde, "porque foi el persoalmente quen decidiu retirar o apoio económico" á actividade social que procura o fomento do idioma.