A Comisión europea vixiará o cumprimento da normativa comunitaria en Corcoesto

Así o anunciou nun escrito en resposta á plataforma Salvemos Cabana, colectivo convencido de que Edgewater está a incumprir practicamente o texto íntegro da Directiva marco a auga


A Comisión europea de medio ambiente exixirá que a empresa Edgewater cumpra coa lexislación comunitaria na explotación mineira a ceo aberto que proxecta na parroquia de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños. 

Así o manifestou nunha resposta á plataforma Salvemos Cabana, que solicitara ao comisario europeo, Janez Potocnik, que avaliase os plans da mineira canadense ao entender o colectivo que se contradicía directamente coa resolución do Parlamento Europeo do 20 de abril de 2012 defendida polo seu propio departamento, na que pide aos estados membros "que velen por unha aplicación plena e adecuada da lexislación da UE en materia de medio ambiente".

No escrito que vén de recibir o colectivo veciñal, a Comisión aclara que xa solicitou ás autoridades españolas "información detallada sobre o proxecto mineiro", así como sobre a adecuación do proxecto mineiro á lexislación ambiental da UE e que analizará de xeito exhaustivo toda a documentación remitida "para garantir o pleno cumprimento da lexislación europea".

Posíbel incumprimento da Directiva marco da auga

Tanto a plataforma como fontes expertas en lexislación medioambienta comunitaria sinalan que Edgewater está a incumprir "non todo, mais practicamente todo" o texto da Directiva marco da auga, que establece un marco de acción comunitario e que naceu "coa vocación de garantir de protección do recurso hídrico e promover un uso sostíbel que garanta a dispoñibilidade deste recurso indispensable a longo prazo".

Así as cousas, Salvemos Cabana enfatiza que o obxecto da directiva europea é estabelecer un marco para a protección das augas, "previndo a deterioración adicional e a protección e mellora dos ecosistemas acuáticos, así como dos ecosistemas terrestres dependentes e a redución da contaminación dos cursos fluviais superficiais e subterráneos".

"Non é en absoluto compatíbel co uso de 1.100.000 litros de auga potable por día no proceso de recuperación do ouro ou no desvío dunha canle fluvial como o do río Lourido", acrecenta o colectivo, repasando tamén os tres estudos científicos independentes que certifican que a antiga actividade mineira realizada en galería a pequena escala e hai cen anos "está a contaminar sen remedio o río Anllóns cuns niveis de arsénico inasumíbeis que alcanzan os 850 quilos anuais vertidos ao esteiro fluvial".