''Unitaria e apartidista'': así será a manifestación contra a minaría, que procura repetir a maré humana do 'Nunca Máis'

[Imaxe: plataforma Corno do Monte]

Realizarase en Compostela o vindeiro 2 de xuño para mostrar á Xunta de Galiza o rexeitamento da cidadanía galega ao seu plan de converter nunha mina a ceo aberto o 62% dos concellos do País


"Unitaria, apartidista e aberta". Así é como foi convocada a mobilización nacional que este domingo, 2 de Xuño, percorrerá as rúas de Compostela en contra os plans mineiros da Xunta e que pretende reproducir a masiva resposta que a cidadanía deu á marea negra do Prestige. 

O Plan sectorial de actividades extractivas abre as cancelas do monte galego ás empresas mineiras, a meirande parte delas de capital estranxeiro, deixando o 62% do territorio galego sen protección, espido fronte ás prospeccións e ás explotacións. En síntese, tornar realidade o lema dunha campaña da dirección xeral de Minas: 'Galiza é unha mina'.

Após pasar tesoira polos dereitos sociais e laborais da poboación, o goberno galego vén agora con que as explotacións mineiras son unha oportunidade para a creación de emprego. Após recortar tamén nos servizos básicos, educación e sanidade, cebándose especialmente co rural, o apoio a este tipo de actividade vén tamén porque, segundo explican, axudan a frear o despoboamento do rural. 

As organizacións convocantes da mobilización do domingo subliñan que a Declaración de impacto ambiental que a consellaría de Medio Ambiente concedeu a Edgewater para abrir en canal a parroquia de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños, afectando os concellos lindeiros de Coristanco e Ponteceso, está aprobada "sen as debidas garantías necesarias para que a cidadanía non teña que se facer cargo dun eventual desastre". Exemplifican tal afirmación co acontecido en Aznalcóllar: a balsa mineira da empresa sueca Boliden rebentou por dous lados e provocou unha vertedura que anegou o parque natural de Doñana. A empresa negouse a pagar a responsabilidade civil derivada do acontecido.