A CIG Saúde denuncia a degradación da sanidade pública

A CIG Saúde cualifica a situación na sanidade pública de “terceiromundista”: menciona problemas como o aumento do prezo dos medicamentos, o pagamento de 10 euros pola tarxeta sanitaria, dificultades para poder pedir cita previa por teléfono, ou saturación dos profesionais pola falla de substitucións en vacacións. 

A CIG Saúde denuncia o caso do centro de saúde de Carballo, paradigmático: de 21 médic@s (16 de familia e 5 pediatras) quedan traballando 12 (9 médic@s de familia e 2 pediatras). Deses nove profesionais ausentes non se fixo ningunha substitución, e da ducia que queda, alén de atenderen os seus pacientes, teñen que afrontar as urxencias daquelas persoas con quenda de tarde e as desprazadas, que no verán son bastantes. No caso d@s profesionais de enfermaría acontece o mesmo: de 11 da quenda de mañá marcharon 4 que non se substituíron, incrementando a carga de traballo para @s 7 que quedan. 

No sindicato consideran que a situación é “inadmisíbel”: “@s profesionais están padecendo continuos recortes nos seus dereitos e nos seus salarios, mesmo coa supresión dunha paga extra, e aínda por riba teñen dupla carga de traballo. E @s usuari@s da sanidade pública, que somos todas e todos, alén de termos que pagar por todo, temos que padecer esta degradación dos servizos sanitarios públicos”. Conclúen que “o Partido Popular está levando a sanidade pública a unha situación terceiromundista”.