Aumentan as esperas no Centro de Saúde de Carballo

Concentración diante do Centro de Saúde de Carballo
Carballo é un exemplo máis do que está a acontecer polo país adiante despois do anuncio de graves recortes na Sanidade pública. Traballadores e traballadoras dese centro denunciaron que non hai substitucións para o persoal que está de vacacións e aumenta e degrádase o servizo sanitario.

Estes días numerosos doentes terán que agardar para ser atendidos malia ter a consulta fixada con antelación. Pasa en hospitais como o de Conxo, en Compostela, onde non se están a cubrir as baixas e as citas pasan como mínimo a finais do mes de agosto. Noutro dos moitos casos, o do Centro de Saúde de Carballo, @s profesionais xa se manifestaron en varias ocasións denunciando esta situación. Mesmo, como asegura Xoán M. Sande Muñiz referindose a este caso, Delegado da Sección Sindical de CIG-Saúde “non é difícil que haxa algún profesional para o que non hai xa cita previa até dentro dunha semana, ou que a cola no mostrador sexa prácticamente interminábel”. A razón é que a Consellaría de Sanidade que dirixe Rocío Mosquera non autorizou a substitución de médicos e persoal de enfermería para estes meses.

“Complícaselle a vida a xente coa central de chamadas ”, asegura Sande, “de xeito que moitas persoas desisten de chamar por teléfono ante o temor de que lle saia o ordenador co que non se entenden, é lóxico que se produza tal aglomeración de persoas no mostrador do propio Centro de Saúde”.

"Non é de recibo que se obrigue aos pensionistas a pagar polos medicamentos, incluso ter que pagar o transporte sanitario non urxente ou mesmo as ortopróteses"

Para o delegado da Sección Sindical de CIG-Saúde ten que haber "un cambio de rumbo, outras políticas diferentes" polo que considera un aumento e degradación dos servizos públicos. "Non é de recibo", apunta Sande, "que teñamos que padecer esta degradación dos servizos sanitarios, e ademais se obrigue aos pensionistas a pagar polos medicamentos, incluso ter que pagar o transporte sanitario non urxente ou mesmo as ortopróteses, por exemplo, ao mesmo tempo que se entragan milleiros de millóns de euros á banca privada, ou se aproban amnistías fiscais para os millonarios defraudadores".