Ensino

A CIG-Ensino acusa Educación de "nula interlocución" a respecto das mudanzas na FP

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
O secretario nacional da CIG-Ensino solícitalle á Administración unha Mesa Sectorial para tratar estes e outros asuntos que están relacionados coa xestión e ordenación da FP nunha Mesa Sectorial urxente na cal se dea conta do custo económico e dos resultados do coñecido, de novo case en exclusiva polos medios de comunicación, ‘Plan Conecta FP’.

“A 12 de xullo é inaudito que aínda non pasara pola Mesa Sectorial docente a oferta actualizada de FP [Formación Profesional] que se implantará o vindeiro 1 de setembro e que se pretenda aprobar, como outras medidas ao longo deste curso, sen o contraste previo coas organizacións representativas do profesorado e sen ter en conta as propias demandas dos centros. A CIG-Ensino acusa directamente a Consellaría de Educación de levar un ano facendo propaganda política coa FP na Galiza e ignorando na toma de decisións o seu persoal docente”.

Así comeza o comunicado da Federación de Ensino da Confederación Intersindical Galega (CIG-Ensino) a respecto da “nula interlocución durante este curso ao respecto da oferta formativa de FP, os cambios normativos nestas ensinanzas e a creación de novos CIFP (Centros Integrados de Formación Profesional).

No escrito que lle foi remitido ao conselleiro de Educación e á directora xeral de FP, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello aféalle que “durante o curso 2022/23 que está a piques de rematar, e cos importantes cambios que tanto a Administración galega como a estatal están continuamente destacando nos medios de comunicación para a Formación Profesional, resulta inaudito que non se producira nin unha soa interlocución directa entre as organizacións que representan o profesorado e a máxima responsábel de dirixir estas ensinanzas en Galiza”.

Bermello cita como principal exemplo deste desprezo que a “a día 12 de xuño de 2023 non se coñeza a proposta da oferta educativa de FP para o vindeiro curso (o ano pasado a Orde pola que se actualizaba esta oferta tiña data do 7 de xuño)”.

A semana pasada foi “moito o profesorado que se dirixiu á CIG-Ensino para preguntar polo tan anunciado incremento de ciclos ou cursos de especialización que se van impartir a partir do 1 de setembro, mostrando a súa preocupación polo escaso tempo para preparar os contidos dos novos módulos a impartir”.

O que de momento se sabe, de acordo co sindicato nacionalista, é que a principal directriz da administración é que practicamente todo o que se implante novo sexa na modalidade dual intensiva.. Unhas informacións nas cales se constata que esta oferta “non só non foi contrastada co profesorado e cos centros educativos senón que mesmo se desatenden peticións expresas do tecido empresarial, como no caso dos novos estudos da familia de Hostalaría e Turismo en Ribeira, de Imaxe Persoal en Santiago ou da familia Marítimo-Pesqueira en Boiro”.

Mesa sectorial “urxente”

O secretario nacional da CIG-Ensino solícitalle á Administración unha Mesa Sectorial para tratar estes e outros asuntos que están relacionados coa xestión e ordenación da FP nunha Mesa Sectorial urxente na cal se dea conta do custo económico e dos resultados do coñecido, de novo case en exclusiva polos medios de comunicación, ‘Plan Conecta FP’.

Un plan do que “se deben dar explicacións detalladas dos criterios seguidos para a aprobación das 9.500 prazas destas ensinanzas nos dous próximos cursos que anunciou o presidente Rueda, financiadas co Mecanismo de Recuperación e Resiliencia”.

“Desde a CIG-Ensino permaneceremos vixiantes”, tal e como se advirte no escrito, “para que non se aproveiten estes fondos para incrementar os concertos educativos nunhas ensinanzas nas cales estes non deberan existir nin para autorizar maior oferta privada cando exista nunha determinada localidade demanda dos centros públicos para impartir novos ciclos e cursos de especialización”.

Plurilingüismo

Outra das cuestións que está a causar malestar nos centros que imparten FP, sinala a CIG, é a nova normativa para a conversión en plurilingües de todos os ciclos e cursos de especialización de nova implantación ou que renoven convenio coas empresas da modalidade dual a partir do vindeiro curso.

Aínda que na Resolución ditaminada con data 19 de maio, no seu artigo 9, se estabelece que para levar a cabo estas novas atribucións docentes a Consellaría acometerá accións formativas específicas e facilitará recursos didácticos, nestes momentos todas as actuacións da administración “foron na liña contraria”.

De acordo coa CIG “eliminouse a posibilidade de realizar estadías formativas en empresas no estranxeiro e, en concreto, as da modalidade lingüística que este curso poderían ter moita máis demanda dadas as novas exixencias para o profesorado de FP; non se incrementaron as modalidades de licenzas de formación específicas para a elaboración de material didáctico en idiomas estranxeiros para o profesorado de FP ou especialista nestas linguas e non se incluíu un apartado específico para este persoal docente na convocatoria do PIALE (Programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras)”.

“Así pois, nestes intres, o único que existe a disposición do profesorado son dous cursos de inglés básico no banco de recursos que se cita en dita resolución e que  tememos que sexa o único material dispoñíbel co que teña que comezar o vindeiro curso o profesorado que imparta estes novos módulos,” sinala o secretario nacional da CIG-Ensino, quen mostra a súa preocupación para que esta medida sexa “unha nova fórmula para reducir aínda máis a presenza do galego nestas ensinanzas dado que nestes intres nin sequera 50% da súa carga curricular se imparte na nosa lingua, como estabelece a recomendación do propio Decreto de Plurilingüismo”.

“Menos propaganda”

O escrito remata cunha advertencia á Consellaría, e en especial á Dirección Xeral de FP. “Agardamos unha resposta á nosa demanda de convocatoria dunha Mesa Sectorial urxente e non ter que acudir á referencia do Consello da Xunta desta quinta feira para enterarnos da oferta educativa de FP para o vindeiro curso académico. O profesorado e a súa representación merecen máis respecto e consideración do que vén mostrando este departamento ao longo do curso e a xestión e a ordenación da FP non pode reducirse a un mero recurso propagandístico por parte da Xunta, senón que ten que ter en conta sobre todo a comunidade educativa que a conforma: centros, alumnado, profesorado e a súa representación”.