A CIG demanda a creación dun "Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas"

Entrada da residencia de DomusVi San Lázaro, en Santiago (Imaxe: Arxina)
A secretaria Confederal de Organización da CIG, Susana Méndez, subliña que os servizos públicos son “a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional”, debendo asumir directamente a Xunta as súas competencias.

“A crise sanitaria da Covid19 evidenciou a situación de debilidade dos servizos públicos de atención social e de coidados”, di a CIG, quen “fronte ás políticas de desmantelamento e privatización promovidas polo goberno do PP na Xunta para converter estes servizos nun novo negocio a conta das persoas máis vulnerábeis” propón a creación dun “Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas”, integrado por unha única rede pública que dea cobertura a todas as necesidades.

A este respecto, a secretaria Confederal de Organización da CIG, Susana Méndez, subliña que os servizos públicos son “a única garantía para unha atención digna ás persoas de idade e ás persoas dependentes ou con diversidade funcional”, debendo asumir directamente a Xunta as súas competencias na atención ás persoas vulnerábeis, xa sexa por idade, pola súa discapacidade ou dependencia.

"Non é de recibo, e supón unha auténtica barbaridade, que os coidados e a saúde destas persoas vulnerábeis sigan gardando relación cos beneficios e flutuacións en bolsa dos fondos de investimento, multinacionais ou fondos voitre que están detrás das concesionarias destes servizos públicos", denuncia Méndez, quen considera "ineludíbel e máis necesario que nunca que a xestión destes servizos sexa pública e única en Galiza".

Por iso, neste sistema integrado por unha única rede pública estarían incluídos os centros asistenciais e residenciais da terceira idade, centros de día, centros de atención á diversidade, servizos de axuda no fogar, e outro tipo de recursos como as casas niño, as casas do/a maior, o programa xantar na casa, o transporte adaptado, etc.

Dotación orzamentaria e recursos suficientes

Pero para garantir unha asistencia adecuada faise preciso dotar suficientemente estes servizos, tanto de infraestruturas e material como de recursos humanos, e incrementar e adecuar os orzamentos públicos destinados a tal fin, así como os dirixidos á promoción da autonomía persoal e o avellentamento activo.

“Por iso -engade Méndez- cómpre eliminar todo tipo de repagamento mediante a aprobación dunha carteira de servizos e prezos públicos e dignificar as condicións laborais e salariais de todo o persoal coa aplicación do mesmo convenio colectivo”.

De xeito complementario, a CIG reclama a transferencia para Galiza de todas as competencias e recursos públicos para desenvolver, aplicar e ampliar a Lei de Dependencia.